Os nenos contarán cunha zona de xogos acuáticos durante a Festa da Auga de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Despois da boa acollida que tivo a proba realizada o pasado ano coa creación dunha zona infantil de xogos durante a Festa da Auga, os promotores da iniciativa (Concello, Ahituvi, Asociación de Praceiros e Zona Aberta) volven a colaborar para organizar a segunda edición desta “escola” da festa da Auga. Nas inmediacións da Praza de Abastos haberá inchables acuáticos e secos, música e festa da escuma para que os cativos de 3 a 10 anos que desexen ter o seu primeiro contacto coa multitudinaria festa da mañá de San Roque poidan iniciarse no culto a auga.

Seguindo as normas da Festa da Auga, as actividades infantís tamén comezarán unha vez que remate o traslado do santo dende a igrexa á capela. Estarán en funcionamento dende as 12:30 e ata as 14:30 horas co obxecto de que os nenos que non vaian a participar no multitudinario evento teñan a oportunidade de ter o seu primeiro contacto coa celebración e se poidan divertir de igual xeito. Trátrase dunha iniciativa gratuíta.

A zona infantil instalarse na confluenza das rúas Arcebispo lago e Alexandre Bóveda, un lugar que os organizadores consideran axeitado xa que ao mesmo tempo está fora e preto das zonas húmidas. Deste xeito, aínda que dun xeito máis relaxado, os cativos poderán empaparse igualmente da algarabía da festa da Auga e beber do seu espírito.

Haberá castelos inchables para os máis cativos, dous arcos xigantes con tobogáns que desembocan en piscinas. A música estará presente te e tamén haberá unha festa da escuma. Despois da experiencia do pasado ano, e en vista da cantidade de nenos que acudiron ás actividades, este ano a organización instalará máis inchables e haberá dous cañós de escuma en lugar de un. Tamén se disporá de monitores para ordenar e dirixir a utilización das atraccións.

A idea de organizar unha zona específica para os nenos xurdiu o ano pasado despois de escoitar as suxestións e comentarios de moitas persoas e coa intención de proporcionar unha alternativa para que os nenos poidan introducirse na celebración da Festa da Auga, xa que, sobre todo os máis cativos, poden ser reticentes a participar no evento por impresionarlles o barullo, a multitude ou mesmo por non querer mollarse. Para estes nenos e nenas é para os que está pensada esta zona infantil. Para que poidan ter o seu primeiro contacto coa cultura de mollarse e ao seu ritmo. Ademais entenden a actividade como un xeito de seguir creando “canteira” para a Festa da Auga.

14 de agosto de 2014 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.