Os maiores de Ribadumia teñen unha cita o 23 de agosto na XXI Xuntanza Anual na Carballeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

A Alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, convida a todas as persoas maiores de 60 anos do municipio á XXI Xuntanza dos nosos maiores que se organiza na Carballeira de Ribadumia. A xuntanza de confraternidade será o sábado 23 de agosto e o tempo de inscrición xa está aberto nas oficinas municipais ata o día 14. O obxectivo desta xornada é promover actividades de confraternidade e de convivencia entre os veciños máis maiores de Ribadumia, e promover o envellecemento activo das persoas participantes.

A programación inclúe unha misa ao aire libre, a comida de confraternidade, xogos tradicionais e a actuación dun musical. Este ano como novidade levarase a cabo o I CONCURSO DE POSTRES CASEIROS co obxectivo de que non se perdan as receitas tradicionais de mans dos avós. O premio será dous vales de compra no comercio local de Ribadumia. Desde o Concello de Ribadumia, Salomé Peña anima a todos os maiores a participar nesta xornada e para iso un autobús pasará a recollelos por cada unha das parroquias e achegalos finalmente á Carballeira de Ribadumia.

A participación nestas xuntanzas aumentou notablemente desde os seus inicios, xa que nas primeiras edicións participaban entre vinte e corenta persoas, mentres que os últimos anos o grupo superou os 250 comensais. Segundo explica a alcaldesa, “estas convivencias, que nos permiten reunirnos e disfrutar cos nosos veciños e amigos, e a ocupación do tempo libre son de vital importancia para o colectivo da terceira idade, polo que lles animamos a participar e gozar desta xuntanza”.

Desde o Concello de Ribadumia, concretamente desde a Concellería de Servizos Sociais, organízanse anualmente numerosas actividades destinadas ao colectivo da terceira idade, que inclúen actividades lúdicas e deportivas para ocupar o seu tempo libre –ximnasia de mantemento, clases de informática, talleres de memoria…-.

1 de agosto de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.