Os estradenses pagarán un 27% menos de IBI urbano que no ano anterior
Os veciños da Estrada propietarios de bens inmobles urbanos pagarán este ano preto dun 27% menos de media nos recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI) en comparación co exercicio de 2013, segundo os datos proporcionados ao concello estradense polo ORAL. A recadación total prevista polo IBI urbano este ano, unha vez postos en circulación os 15.025 recibos que emitirá estes días o ORAL tras depurar o padrón, ascende a 2.054.706,11 euros, o que supón un descenso de preto de 600.000 euros respecto ao ano 2013, exercicio no que o cargo bruto dos 15.486 recibos emitidos foi de 2.654.800,01 euros.
O alcalde estradense, José López, precisa que este descenso da recadación débese a que o tipo impositivo do IBI urbano baixa do 0,6% de 2013 ao 0,4% en 2014, o que supón unha rebaixa impositiva do 33,33%. Para poder levar a cabo esta medida realizouse unha actualización dos valores catastrais de todo o municipio dun 10%, situando a rebaixa definitiva sobre os valores catastrais nun 23,33%. Á súa vez, este axuste tradúcese nos recibos nun descenso medio dun 27%.
José López destaca que “este reaxuste para minimizar a presión tributaria aos veciños é unha decisión política deste goberno local, que é posible, sen que as arcas municipais se resintan dunha forma inasumible, grazas ao inxente traballo de incorporación de altas que o ORAL leva facendo nos dous últimos anos e que aínda non rematou, pero tamén grazas a unha boa xestión económica dos cartos de todos, que permitíu baixar o gasto corrente, axilizar os pagos aos proveedores e rematar coas prácticas de deixar facturas nos caixóns e sen pagar”. Ademais, o alcalde salienta que no proceso de actualización do padrón do IBI urbano tamén causaron baixa -pasando de urbano a rústico- un total de 1.147 referencias afectadas polo cambio de catalogación no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Por outra banda, José López salientou que, dacordo coas peticións formuladas polos propietarios dos terreos incluidos na futura zona industrial de Lagartóns, o ORAL vén de suspender o cobro dos recibos correspondentes a estas parcelas ata que a Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra se pronuncie ao respecto. Responsabilidade fiscal José López indicou que dende o comezo do presente mandato a vontade do goberno local foi “manter unha política tributaria que situara á Estrada na media dos concellos de máis de 20.000 habitantes en canto á presión fiscal, para non perder capacidade competitiva e de prestación de servizos respecto a outros municipios de entidade semellante”.
Ao respecto, lembrou que “a herdanza económica recibida do goberno anterior obrigou a comezos do mandato a tomar medidas tributarias difíciles para a cidadanía”, pero destacou que “grazas a unha xestión responsable dos recursos públicos agora pódense reaxustar”. Ademais, concluíu que “o IBI é un dos impostos que mellor representan a xustiza tributaria, posto que sempre pagan máis os que máis teñen”.











