Os donos da casa incendiada na rúa Rosalía de Castro solicitan licencia para o seu baleirado
Os propietarios da casa incendiada hai uns meses na Rúa Rosalía de Castro solicitaron formalmente ao Concello a licencia de obra para proceder ao baleirado interior e retirada de entullos. O inmoble situado a escasos metros do balneario da Praia Compostela é un ben catalogado e protexido, polo que o proxecto requirido polo departamento de Urbanismo foi remitido xa a Patrimonio da Xunta de Galicia.
A obtención do visto bo de Patrimonio é un requisito imprescindible para que o Concello poida conceder a licenza de obra. A solicitude do permiso presentouse despois de que o Concello contactase cos propietarios, que residen fóra de Vilagarcía, para advertirlles da necesidade de garantir a seguridade do inmoble tras o incendio, así como de respectar o grao de protección que lle confire o Catálogo Municipal de Bens a Protexer.
A propiedade amosou a súa total disposición a colaborar e tras ordenar a redacción do preceptivo proxecto de obra, este presentouse esta mesma semana no Concello. Para dilatar o menos posible a actuación, o departamento de Urbanismo xa o remitiu a Patrimonio.
O proxecto prevé única e exclusivamente o baleirado interior e retirada de entullos do edificio que orixinalmente tiña solos e teitos de madeira, polo que quedou completamente calcinado no incendio. A actuación é precisa xa que aínda que o teito se veu abaixo, quedan vigas de madeira queimada colgando e outros materiais inestables. Os traballos non afectarán ás fachadas do inmoble por tratarse dun edificio a conservar e porque se comprobou que o lume non afectou a súa estabilidade. Rematado o baleirado, tamén se procederá ao tapiado de portas e fiestras para evitar que alguén poida acceder ao interior da casa.











