Os cativos da Aldea de Verán de San Sadurniño implícanse co consumo responsable
Lecer Consumo é un programa do Instituto Galego de Consumo dentro da súa oferta de actividades de concienciación a través do xogo. Este venres o programa chegou á Aldea de Verán de San Sadurniño para mostrarlles aos nenos e nenas participantes que hai xeitos distintos de gozar do tempo libre sen falta de tantos xoguetes. A proposta do IGC a través da Escola Galega de Consumo tamén serviu para mostrarlles a importancia de consumir dun xeito responsable.
O grupo de nenos e nenas de 3 a 8 anos gozaron dun obradoiro chamado Xogar é de balde!. A través dun conto e de diferentes xogos populares coñeceron alternativas de lecer que responden aos intereses reais individuais e non só ao lecer como producto de consumo.
O grupo de nenos e nenas de 9 a 12 anos centrou a súa atención na denominada Xincana de lecer, publicidade e TIC. Este obradoiro converteu a rapazada en publicistas ao servizo da causa do consumo responsable. Tiveron que cooperar entre eles para definir unha mensaxe e despois gravar un pequeno anuncio publicitario para transmitila. Unha actividade que, ademais de ser educativa, pode traer premio. Todos os Lecer Consumo que se desenvolven este verán en Galicia -arredor de 20- teñen que facer o seu anuncio. Entre o 1 e o 15 de setembro os videos subiranse ao Facebook da Escola Galega de Consumo para que os usuarios e usuarias voten polo máis orixinal, divertido e innovador. O que obteña máis “gústames” levará un agasallo.
Outras actividades
Os nenos e nenas da Aldea de Verán gozan das actividades lúdicas e educativas no patio cuberto do CPI. Alí xogan e aprenden sobre temas que lles serán moi útiles no futuro, case sempre relacionados con profesións e outras cousas “de maiores”. Mesmo reciben a visita de profesionais que lles explican en que consiste o seu traballo. A próxima será o mércores, cando un profesional da sanidade lles falará sobre primeiros auxilios.
O día 20 teñen excursión. Irán ao Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, o CEIDA, que promove principalmente a educación ambiental. Para os nenos será unha aventura, xa que este centro creado pola UDC, a Xunta e o Concello de Oleiros, está situado no Castelo de Santa Cruz. A fortaleza érguese sobre un illote ao que só se pode acceder a pé con marea baixa ou a través dunha longa pasarela sobre o mar.
Canda estas actividades tamén está previsto que os nenos e nenas participen nunha xornada de educación vial na que colaborará a Policía Local das Pontes. A data aínda non está concertada.
Mais información da Aldea de Verán: O día 13 estará dedicado aos primeiros auxilios polo que contaremos cunha visita dun profesional; o día 20 realizaremos una saída ao CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) situado en Oleiros. E está pendente por determinar unha xornada de educación vial coa colaboración da Policía Local de As Pontes.
Este ano participan na Aldea de Verán un total de 35 cativos. Esta iniciativa de conciliación laboral e familiar impulsada polo Concello conta, ademais, con financiamento da Deputación da Coruña.











