Os antigos locais de Xestur Ourense na rúa Curros Enríquez xa foron vendidos
O Consello de Administración de Xestur Galicia aprobou a venda das antigas oficinas de Xestur Ourense emprazadas no octavo andar da rúa Curros Enríquez, Nº 1, na Cidade das Burgas, para o cal se convocara concurso público de venda.
Os locais, de 375 metros cadrados de superficie, adxudicáronse por importe de 540.000 euros á mellor oferta presentada ao devandito concurso de venda.
Por outra parte, Xestur Galicia vén de asinar a escritura pública de venda das parcelas 73 e 74 do Sector 2 do Parque Empresarial de Xinzo de Limia, que supoñen un total de 2.033 metros cadrados. Ambas parcelas foron vendidas a unha única empresa cun prezo de venda de 109.782,00 euros máis IVE.
Unha vez producida esta venda, no parque empresarial de Xinzo de Limia quedan pendentes de venda tres parcelas de uso comercial-industrial, con superficies de 12.000, 1.028 e 1.023 metros cadrados respectivamente. Nesta cuarta fase do parque empresarial xa se vendeu un total de 41.322 metros cadrados.











