Os abonados do Rio Natura Monbus Obradoiro xa poden elixir o encontro no que gozar das súas dúas invitacións
Tras coñecerse o calendario que marcará a tempada 2014-15 da liga Endesa, os abonados do Rio Natura Monbus Obradoiro xa saben tamén en que partidos poderán optar ás súas dúas invitacións e ao desconto do 50% nas demais entradas que adquiran.
Coa baixa do Bilbao Basket na competición e a correspondente perda dunha xornada en Santiago de Compostela, o club galego decidiu compensar aos seus abonados con dúas invitacións para un do cinco primeiros encontros no Fontes do Sar que elixisen, que unha vez coñecido o calendario, son: A Bruixa D’Or, Gipuzkoa Basket, Iberostar Tenerife, Baloncesto Fuenlabrada ou Baloncesto Sevilla. As invitacións serán, ademais, no mesmo sector do pavillón que o abono asociado, ou nun superior no caso de esgotarse as localidades no mesmo. As invitacións poderanse retirar unha vez ábrase a venda xeral para o partido en cuestión.
Ademais, nese mesmo partido, os abonados poderán comprar entradas a maiores cun 50% de desconto sobre o prezo regular.
O club continúa ademais coa campaña de abonados e os descontos propios da mesma: 30% para accionistas con máis títulos dos mínimos esixidos no seu sector, 10% para abonados que renoven e outro 10% acumulable aos anteriores para abonados que renoven e traian a un amigo a crear un novo abono.
A renovación ou creación de abonos poderá efectuarse, como habitualmente, a través da páxina web do club (www.obradoirocab.com) ou nas oficinas situadas no Multisusos Fontes do Sar, con horario de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas polas tardes.











