Oroso comeza as obras para as acometidas e os accesos ao novo colexio
O Concello de Oroso tomou a decisión de iniciar xa os traballos de construción das acometidas de auga, luz e gas, así como dos accesos ao novo colexio de Sigüeiro, a pesar de que a 1 de agosto a Xunta de Galicia aínda non entregou a obra. O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, explica: “a Xunta dixo primeiro que ían acabar en maio, despois en xuño e por último o 15 de xullo. O certo é que estamos a 1 de agosto e non podemos esperar máis. Son obras moi importantes para os nosos veciños e o Concello non pode seguir á espera dos constantes atrasos por parte da empresa e da Xunta”.
Por iso, o Concello de Oroso enviou xa ás máquinas para que abran as gabias para as acometidas de luz, gas e auga para o novo colexio e comecen a actuar na súa contorna, á espera da agardada entrega do centro. Ademais, xa xestionou ante o Ministerio de Fomento a autorización da apertura do segundo vial de acceso ao polígono para poder así pechar a estrada fronte ao colexio e acometer os traballos precisos para rebaixar o vial. “Un permiso que debería chegar na primeira semana de agosto. Do contrario, pecharemos un dos carrís e empezaremos a traballar dando paso alterno. As obras irán máis lentas pero, cando menos, avanzarán”, apunta Leira Piñeiro.
O concelleiro orosán lamenta “os continuos atrasos por parte da empresa e da Xunta que fan que agora teñamos que facer en pouco máis dun mes uns traballos que levarían máis de 2 meses. O Concello de Oroso xa fixo todas as solicitudes en tempo e forma, e está poñendo todos os medios posibles para acelerar no posible os traballos. Pero o certo é que entramos no mes de agosto e dependemos da actuación doutras empresas e doutras administracións”. Aínda así, Leira asegura que “os veciños poden estar seguros de que o Concello cumprirá con todas as súas obrigas e responsabilidades. E, a pesar dos atrasos da Xunta e da empresa, o Concello fará todo o que estea na súa man para que as obras estean rematadas o antes posible”.
Unanimidade
Por outra banda, o pleno municipal celebrado na tarde de onte xoves aprobou por unanimidade unha moción do PSOE en favor dun ensino de calidade e pola igualdade de servizos nos dous colexios de Sigüeiro. Unha moción que insta á Xunta de Galicia a cumprir os seus compromisos tal e como o Concello de Oroso asume os seus e que recolle o apoio expreso da corporación municipal ás reivindicacións dos pais e nais do municipio. Ademais, solicita un ensino de calidade para o cal os dous colexios teñen que ser iguais, contar con profesorado suficiente e cos servizos de transporte e de comedor.
O concelleiro de Ensino fixo un repaso por toda a cronoloxía da construción do novo colexio, dende que en xullo de 2008 o pleno municipal cedese os terreos, e concluíu que “as datas demostran que o Concello de Oroso cumpre. A Xunta, non”. Así lembrou os 3 meses de atraso na adxudicación da redacción do proxecto por parte da Xunta presidida por Emilio Pérez Touriño, así como os 3 meses atribuíbles ao Concello de Oroso polas obras de nivelación e ensanchamento da estrada de acceso á parcela onde se construíu o colexio. “Os outros 5 anos e medio de atraso son responsabilidade da Xunta presidida por Alberto Núñez Feijoo”, indicou Leira, ironizando con que “as obras estaban proxectadas cun prazo de execución máximo de un ano e medio. Levan 2 anos e 5 meses e, a día de hoxe, aínda non remataron”.
O voceiro do BNG, Xosé M. Pérez, indicou que “o correcto é que haxa dous colexios en igualdade de condicións. Vivir nunha rúa ou noutra non ten por que xerar diferenzas. Que se recorte noutras cousas”. Unha idea que recolleu o voceiro do Partido Galeguista, Siverio Mirás, quen lembrou a recente sentenza contra as axudas aos colexios concertados que segregan por sexo e propuxo que “se a Xunta ten 7 millóns dos concertados, xa temos para o comedor e o transporte”. Finalmente, o voceiro do PP, Xosé M. Balado, confirmou que o seu grupo “vota a favor, aínda que non esteamos de acordo con algunhas cousas que se din no preámbulo da moción”.
Resto da orde do día
Así mesmo, o pleno municipal aprobou unha modificación de créditos por importe de algo máis de 203.000 euros para a construción do punto limpo e melloras en distintas rúas e viais públicos do Concello de Oroso. Unha modificación que se fará con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais do Concello de Oroso. A proposta foi aprobada cos 12 votos a favor de PSOE, PP e BNG; e coa abstención do Partido Galeguista.
Finalmente, o pleno aprobou unha actualización do inventario municipal de bens, no que se rexistran 162.000 euros en baixas e 10,6 millóns de euros en altas. A proposta foi aprobada cos 12 votos a favor de PSOE, PP e BNG; e o voto en contra do PG, que pedía a inclusión a maiores dun camiño na parroquia de Senra. Esta mesma votación repetiuse na aprobación definitiva do estudo de detalle promovido pola xunta de compensación da área de reparto núm. 1, polígono 2 “Río Carboeiro 1”, logo de introducir unhas modificacións achegadas pola Xunta de Galicia.











