On the Band y La Pegatina inauguran o programa de concertos da Patrona de Cedeira
As Festas de Cedeira, a Patrona 2014, entra na súa semana grande. Así, este martes, 12 de agosto, inauguraráse o programa de concertos coa actuación estelar de La Pegatina. Unha banda catalana que pega forte no panorama nacional, con máis de 900 concertos ás súas costas e catro discos. Imprescindibles incluso nos máis grandes festivais de Europa como Sziget (Hungría) ou o Pinkpop (Holanda). E cun éxito que vén en gran medida das súas actuacións en directo, xa que os seus concertos son unha auténtica festa onde todo o mundo baile, canta e ri. Subiránse ao escenario do Parque Sagrado Corazón á medianoite, tomando o relevo da banda On the Band, que ofrecerá o seu mellor repertorio previamente, ás 22,30 horas.
Ao día seguinte, mércores 13, a banda de gaitas Buxainas ofrecerá un pasarrúas pola vila. E, xa pola tarde, os amantes do fútbol teñen unha cita no campo municipal, onde a partires das 18 horas, con entrada gratuíta, se disputará o Triangular Leira Antiga. Dúas horas despois, ás 20, principiará no parque do Sagrado Corazón o Festival de Buxainas. E, pola noite, este espazo servirá de escenario para o primeiro Festival Cedeira éFolk. Integran o cartel Oscar Ibáñez & Tribo (22,30 horas), Andrés Penabad (00,00 horas) e Lenda Ártabra (1,30 horas).
O xoves 14 a xornada festiva principiará ás 14 horas cunha sesión vermut amenizada pola orquestra Palladium. Ás 18 horas, nova competición deportiva no campo do Beco. Nesta ocasión, co Trofeo Maracaná. Xa ás 22,30 horas, verbena coa orquestra Palladium e, a partir da medianoite, será o turno de Revólver, a mítica banda fundada e liderada por Carlos Goñi.
O día 15, o da Patrona, comezará cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Vila de Cedeira. Ás 12 horas, misa solemne e, a continuación, a tradicional procesión terrestre, que partirá da igrexa de Santa María. Iniciará un emotivo percorrido no que a Virxe do Mar estará acompañada polos centos de veciños que cada ano asisten á cita. Á tarde, ás 18 h, novo trofeo de fútbol. Neste caso, o Cedeira Sport. E, xa á tardiña, os Festicultores animarán a festa co seu repertorio a partires das 19 horas. Dende a praia, á medianoite, o ceo iluminaráse cos tradicionais fogos artificiais que, este ano, se prevén aínda máis espectaculares que en edicións pasadas. E, ao seu remate, sobre as 00,30 h, actuación estelar no paseo marítimo da Magdalena da mellor orquestra de Galicia, a París de Noia.
O día 16 celebraráse a procesión marítima e ofrenda floral. A flota cedeiresa, guiada pola Virxe do Mar, partirá do peirao local trala misa que principiará ás 12 horas. Pola noite, doble actuación no parque do Sagrado Corazón coa Gallaecia Big Band (22 h) e o cantautor ferrolán Andrés Suárez (00,00 h). Previamente, Racing de Ferrol e Celta de Vigo B disputarán o Memorial Miguel López Pérez no campo do Beco, a partires das 18 horas e entradas a 10 euros. E, durante toda a xornada, animación a pé de rúa coa charanga ACDC.
O domingo 17, a Patrona despediráse de novo coa tradicional xira a San Antonio. E, xa pola noite, no parque do Sagrado Corazón e con inicio previsto para as 22 horas, o público poderá disfrutar do repertorio da orquestra Fania Blanco Show. As festas da Patrona 2014 están organizadas este ano polo Concello, a través da Concellería de Cultura, e por unha Comisión Cidadá. Ambas partes consensuaron o cartel, cuxa financiación recae principalmente na Administración local e, tamén, nas aportacións realizadas polos comercios e establecementos hosteleiros da vila.
Precisamente, co ánimo de premiar a súa axuda, poñíase a andar a principios do mes de xullo a páxina web www.fiestasdecedeira.es. Neste portal, onde a cidadanía pode consultar todo o programa da Patrona e atopar centos de razóns para visitar a vila, dáse a coñecer a oferta comercial e hosteleira de Cedeira a través de reseñas dos locais que colaboran cos festexos. Uns festexos que pretenden satisfacer os gustos de toda a veciñanza e, sobre todo, contribuír á economía local a través do sector servizos.











