Oito padexeiros representaran o deporte galego no Mundial de Moscova
Óscar Carreira, Rodrigo Germade, Rubén Millán, Diego Piña, Raquel Rodríguez e Jeniffer Casal xa están nas finais das súas respectivas modalidades no Mundial de Moscova. A eles débense unir David Cal e Ana Varela, que xa o lograron con anterioridade. Por tanto, Galicia estará representada por oito padexeiros nas finais e catro máis aínda dispoñen de opcións de lograr ese obxectivo. O Mundial terminará o domingo.
Óscar Carreira e Rodrigo Germade, xunto a Javier Hernán e Iñigo Pena, cumpriron co guión establecido. Lograron entrar na final en K-4 1.000 metros. É o primeiro paso para poder conquistar unha medalla. Foron segundos na semifinal, só superados polos bielorrusos. Os vixentes campións da Copa do Mundo buscarán o poder consolidarse nesta distancia olímpica.
Rubén Millán e Diego Piña, compañeiros no Kaiak Tudense, tiveron na regularidade o seu billete para a final do K-2 500 metros. Foron terceiros na súa serie e ocuparon a mesma posición na semifinal. Ambos, que tiveron que custearse a súa viaxe até Moscova, xa lograron un dos seus obxectivos prioritarios.
Tamén Raquel Rodríguez e Jenifer Casal, da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra. Foron terceiras na semifinal do C-2 500. Tiveron que sufrir na serie previa, pero foron capaces de recuperarse.
Este sábado disputaranse varias finais. David Cal, no C-1 1.000 metros, enfrontarase a un particular exame. Logrou estar na final con moitos apuros. Ana Varela, no K-4 500, transmitiu boas sensacións nas roldas previas e a súa embarcación é unha seria aspirante a unha medalla. Estas regatas disputaranse á primeira hora da mañá.
Pola súa banda, Crisitan Toro e Carlos Arévalo, en K-2 200 metros, disputarán este sábado as semifinais, o mesmo que André Oliveira e Yeray Picallo en C-2 200. En ambos os casos, superaron as series previas.
Ton Campos e Diego Romero, en C-2 1.000 metros, foron quintos na semifinal da súa modalidade. Un resultado que lles afastou da gran final, aínda que disputarán a final B. Algo parecido sucedeulle a Adrián Sieiro en C-1 500, tamén cunha praza na final B. Eva Barrios e Ana Varela, en K-2 500, foron eliminadas na semifinal. Acusaron o desgaste físico, xa que compiten en dúas probas. O Mundial de Moscova conta coa presenza de quince padexeiros galegos e é unha das citas máis importantes da tempada no calendario internacional.
O piragüismo galego vivirá un fin de semana especial no referente á súa actividade. As miradas pódense centrar até en cinco lugares distintos. Moscova, Verducido, Cangas, Catoira e Cabanas (A Coruña). O calendario para estes dous días é moi intenso.
Este sábado, pola mañá, Verducido acollerá o Campionato Galego de barcos de equipo. Haberá unha gran representación dos clubs galegos, como é habitual. O domingo, en Cangas, terá lugar unha nova xornada da liga Galega de kaiak polo para as categorías sénior e sub-16. Fronte á lonxa do porto da localidade disputaranse os partidos entre as nove da mañá e as cinco e media da tarde.
A praia fluvial de Catoria será o escenario da cuarta regata provincial de alevíns e benxamíns. Comezará ás catro e media da tarde. Unha das novidades é que se disputará unha proba na que participarán os pais dos deportistas.
E tamén o domingo pola tarde, en Cabanas (A Coruña), disputarase a última proba da liga Galega de kaiak de mar. En xogo están todos os títulos. Carlos Pérez Rial, ‘Perucho’, aspira a ser o mellor na categoría sénior.











