O teatro infantil regresa a Soutomaior con “A nena e os grilos”
O teatro infantil volve ao Concello de Soutomaior de man do espectáculo “A nena e os grilos”. Un espectáculo musical e visual que percorreu multitude de cidades e vilas galegas con tal éxito que mesmo xa se publicaron edicións noutros idiomas sobre a historia.A cita terá lugar o xoves ás 21:00 horas na alameda Talo Río de Arcade.
Guiados por Magín Branco, e outros músicos como Jorge Juncal, Jerry Noia e María Faltri, os nenos e nenas que participen no espectáculo irán repasando as aventuras da nena e o grilo, descubrindo os seus segredos a través dunha infinidade de xogos, cancións e contos. Unha historia na que os personaxes se achegan aos poucos ao mundo real desde a mesma perspectiva que os nenos, sinxela, xenerosa e chea de inocencia.
O formato está máis próximo a un contacontos musicalizado que ao propio xénero do teatro orixinal deixando gran parte do peso narrativo da historia nas letras das cancións e as súas introducións. A parte musical completa unha escena chea de dramatización a través do teatro, a manipulación de obxectos, o claqué… sempre incidindo na temática principal de creación de valores como a solidariedade, o respecto á natureza, a propia identidade ademais de fomentar a curiosidade e a expresividade nos máis pequenos.
No ano 2010 “A nena e o grilo” comezou unha viaxe na que os nenos e nenas de toda Galicia descubriron e aprenderon coas súas cancións, a súa maneira de ver o mundo. Durante estes anos seguiron viaxando, vivindo e creando novas cancións, soños e ilusións que agora queren compartir cos nenos de Soutomaior. Nesta edición preténdese estimular a curiosidade e a creatividade dos pequenos, deixándolles un oco para expresarse. Este espectáculo está dirixido a un público familiar e especialmente a nenos e nenas a partir de tres anos.











