O secretario xeral de Emigración recibe ás directivas dos centros galegos de Burgos e Córdoba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Miranda na reunión coa directiva do centro de Burgos

Miranda na reunión coa directiva do centro de Burgos

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho en Santiago a membros da directiva do Centro Galego en Burgos, cos que repasou as actividades previstas para celebrar o vindeiro ano o seu vixésimo aniversario, evento para o que Miranda comprometeu o apoio da Xunta.

O secretario xeral e os directivos da entidade burgalesa tamén estudaron as accións que se teñen presentado ao Concello da cidade castelá para a súa colaboración, por canto Burgos acollerá en 2015 a celebración anual conxunta das comunidades galegas en Castela e León. Precisamente, o secretario xeral adiantou a posibilidade de que a esa cita acuda a área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’ –que neste mes de setembro salta por vez primeira o Atlántico para se instalar en Bos Aires-.

O Centro Galego en Burgos mantén un local social en alugueiro cunha superficie de máis de 200 metros cadrados, que conta con restaurante, comedor, sala de conferencias e biblioteca. A súa localización, moi pretiño do prestixioso Museo da Evolución Humana –referente turístico fundamental da cidade canda a catedral- , fai que polas súas instalacións pasen con regularidade non só socios do Centro e doutras comunidades galegas, senón tamén xente sen relación directa con Galicia, o cal facilita unha proxección singular e personalizada da nosa terra.

Córdoba

Reunión coa directiva do centro de Córdoba

Reunión coa directiva do centro de Córdoba

Miranda tamén recibiu a membros da directiva da Casa de Galicia en Córdoba, cos que ultimou os preparativos da instalación de ‘Galicia, Pórtico Universal’ o vindeiro mes de outubro na cidade andaluza. Secretario xeral e directivos repasaron algúns dos actos culturais que terán lugar co gallo desa instalación, e as posibles vías para dar maior énfase e relevancia ao Premio Rosalía de Castro, unha convocatoria tradicional da entidade á que se lle quere dar especial pulo.

A Casa cordobesa posúe sede social en propiedade, un edificio de tres andares que acolle un dos restaurantes máis senlleiros da zona histórica da cidade. Trátase dun dos centros máis activos da Galeguidade no aspecto cultural, xa que ademais das constantes e permanentes actividades, convoca diversos premios –como o Rosalía de Castro- que teñen adquirido un gran prestixio na sociedade andaluza.

1 de agosto de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.