O rexedor de Monforte non teme que o BNG o reprenda por subscribir o manifesto ‘Somos Maioría’
O alcalde de Monforte (Lugo), Severino Rodríguez, é o quinto alcalde nacionalista que subscribe o manifesto ‘Somos Maioría’ que contempla, entre outras cousas, listas abertas para as próximas municipais, e non teme, por iso, ser reprendido polo BNG.
Así, aduciu que o BNG é “unha formación democrática e isto non está en contra, absolutamente, nin do Bloque Nacionalista Galego, nin de ningunha formulación determinante de soberanía e da capacidade de decidir”.
Neste sentido, Severino Rodríguez refúxiase en que “o fundamental destas decisións é o obxectivo. “E se o obxectivo é a unidade, ninguén ten que pensar nada negativo”, subliñou.
“Outra cuestión é que haxa matices e cousas que debater e reflexionar. A min nunca, o BNG, me expuxo ningún problema porque eu son BNG tamén, e aquí trátase de avanzar e perfilar ese compoñente nacional para que Galicia teña capacidade de decidir”, esgrimiu.
O rexedor monfortino confesou que non lle asusta o tema das listas abertas para as municipais, que incorpora o manifesto. “Non teño temor a nada”, sentenciou.
Ao seu xuízo, Severino Rodríguez remarcou que “han de ser os cidadáns os que deben de decidir quen son os seus candidatos”. “E creo máis niso que en que sexan os partidos, independentemente de que non me parece tampouco mal”, manifestou o rexedor monfortino.
PIDE UNIDADE DE ACCIÓN
“Creo que hai que explorar novas experiencias e para min o importante é buscar esa unidade de acción para tentar frear e cambiar a dinámica destas políticas tan nefastas da dereita para o noso país”, declarou.
Por todo iso, Rodríguez xustificou que asinou ese manifesto “como asinaría calquera manifesto que vaia encamiñado a unir forzas de todos os sectores progresistas”. “Onde Galicia teña un papel importante, é dicir, un carácter nacional e de capacidade de decidir”, indicou.
“É necesario axuntar forzas e o tempo das divisións ten que aparcarse”, sentenciou, ao mesmo tempo que pide “facer un esforzo por parte de todos, desde a xenerosidade”.
“Para tentar confluír e facer fronte a estas políticas tan inxustas que a dereita aplica e que prexudican tanto á cidadanía”, resolveu Severino Rodríguez.











