O presidente de Renacer é designado representante municipal no Padroado da Fundación Galicia Obra Social

Negreira na reunión co presidente de Renacer
O Goberno municipal designou ao presidente de Renacer, José Fernández Pernas, como representante do Concello da Coruña no Padroado da Fundación Galicia Obra Social.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, entrevistouse no Palacio Municipal de María Pita co presidente de Renacer, ao que agradeceu que acepte representar á cidade no novo Padroado da Fundación Galicia Obra Social, cuxa reunión constitutiva fixou a Xunta para o próximo 2 de setembro. O Concello decidiu designar a José Fernández Pernas como representante por parte da Coruña dado a súa traxectoria e a da fundación que preside, tras case 30 anos traballando na cidade en favor dos máis necesitados, sendo a súa voz diaria desde 1985.
O Concello adoptou este acordo tras solicitarlle a Consellería de Facenda que designase o seu representante para o novo Padroado da Fundación Galicia Obra Social, cun mandato inicial de cinco anos, renovable por outros cinco. O Goberno municipal destaca que Fernández Pernas reúne todos os requisitos necesarios, con extraordinarios coñecementos e experiencia en materia social. Neste sentido, entre os recoñecementos públicos que recibiu a Fundación Renacer, destaca o Premio Estatal ao Voluntariado Social, que Fernández Pernas, en nome desta entidade, recolleu en 2011 de mans dos entón Príncipes de Asturias.
Con esta decisión, o equipo de goberno que encabeza Carlos Negreira ratifica de novo o compromiso adquirido ao principio deste mandato de estreitar lazos estratéxicos duradeiros con entidades sociais da cidade, como é o caso de Renacer, que non recibira até 2011 ningún tipo de achega do Concello, nin a nivel económico nin a través de convenios. Neste sentido, o Goberno municipal intensificou a súa colaboración neste tres anos e para 2014 está previsto contribuír cun convenio por importe de 32.000 euros para axudar a Renacer no financiamento de todos os seus programas. Ademais, o Concello asinou en 2012 con Renacer outro convenio para a cesión dun piso de titularidade municipal destinado á acollida de persoas en risco de exclusión social.











