O número de inscritas nos novos obradoiros gratuítos da Concellería de Igualdade de Ferrol ascende ás 1.100 mulleres
A Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, mantén aberto o prazo de inscrición na programación de obradoiros gratuítos destinados a mulleres empadroadas no municipio para a tempada 2014-2015. Un total de 1.100 mulleres xa formalizaron a súa anotación nalgún das seis actividades de temporada que a Administración municipal oferta tendo en conta as preferencias das alumnas no pasado curso: informática, pilates, fotografía, memoria, zumba e ximnasia de mantemento.
As actividades máis demandadas polas persoas que formalizaron a súa solicitude son informática, pilates e zumba. Compre lembrar, que as nenas menores de idade poden participar nos diferentes obradoiros presentando a autorización dos seus pais ou titores legais. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro día 5 de setembro e as solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol. Cada usuaria poderá anotarse nunha actividade da programación estable que se desenvolverá de outubro a maio; e non existe límite de prazas, agás no obradoiro de informática. Así mesmo, as alumnas poderán participar nos cursos puntuais que a Concellería de Igualdade organizará ao longo do ano, e que na tempada pasada se centraron en Economía Doméstica, Defensa Persoal, Nutrición e Autoestima.
Ademais, seguindo coa proposta de descentralización das actividades de Igualdade, os obradoiros se impartirán na Biblioteca Municipal Central da praza de España, pavillóns polideportivos da cidade e Casa da Muller. As listaxes coas quendas e horarios definitivos será publicados o vindeiro 22 de setembro na Casa da Muller.











