O Mosteiro de Lérez acolle unha exposición sobre as mulleres lerezás
A asociación sociocultural Cedofeita de Lérez inaugura mañá, 2 de agosto, a exposición “Mulleres. As mulleres lerezás en imaxes” nos salóns do mosteiro de Lérez. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, e a concelleira delegada da parroquia de Lérez, Pilar Comesaña asistirán mañá á inauguración xunto a outros membros do Goberno local.
As máis de cento e medio de fotos que integrana mostra non foron seleccionadas por representaren mulleres dun perfil predeterminado nin por destacaren nalgún ámbito. Considerouse válidas todas as fotografías de mulleres que cumprían a única condición: teren certa antigüedade.
Con todo, en moitas deles pódese observar a serenidade dunha expresión, a claridade dunha mirada, a fortaleza dun trazo, a fermosura dun sorriso… E, noutras é posible descubrir referencias a costumes, profesións, aspectos demográficos e incluso históricos.
Daquela, o visitante atópase cun panorama variado de mulleres: agricultoras, xornaleiras, feirantes, costureiras, taberneiras, ambulantes e outras relacionadas con diversas actividades. Tamén hai fotos que lembran a emigración americana, que reflicten a evolución da vestimenta feminina ou que falan das formas de diversión e doutras facetas da sociedade do século pasado que cada visitante saberá ler nas diferentes fotografías.
“Mulleres. As mulleres lerezás en imaxes” é a acostumada exposición anual, promovida pola Asociación Cedofeita, que con esta chega ao número 20. A entidade convida a todos os pontevedreses a visitala até o mércores, 6 de agosto, en horario de 11 a 14 horas e de 19 a 22 horas.
No acto inaugural interpretará unhas pezas o músico de Lérez, Manuel Canosa. A entrada é de balde.











