O Mosteiro de Caaveiro recibiu ao longo do mes de xullo máis de 7.400 visitas
O Mosteiro de Caaveiro recibiu xa 7.408 visitas durante o mes de xullo, sen contabilizar aínda as persoas que acudan ao recinto no día de hoxe. A maioría de turistas, 5.092, decidiron coñecer pola súa conta o mosteiro, mentres que outras 2.316 apostaron polas visitas guiadas que ofrece a Deputación.
Para facilitar o acceso ao mosteiro e ao parque natural, o ente provincial tamén pon en marcha durante o verán e ata o 14 de setembro un servizo gratuíto de autobuses que xa utilizaron ata 2.909 persoas. Os vehículos parten cada hora aproximadamente dende as 10.30 da mañá do centro de interpretación das Fragas do Eume e o último autobús sae ás 20.00 horas. Outras posibilidades nestas datas, nas que se prohibe o acceso en coche particular, son as bicicletas ou subir a pé, xa que hai moitos sendeiristas que apostan tamén por esta opción.
Novo servizo de transporte
Coma novidade, este ano incorporouse un novo punto de recollida de viaxeiros dende o concello da Capela, que xa utilizaron 69 persoas.
Os autobuses teñen un percorrido de ata catro paradas coas que se pode acceder dende calquera delas. A primeira, é no portal de Estoxa, onde se lles proporciona información aos turistas sobre as posibilidades das visitas. Despois o autobús detense no museo etnográfico, onde se pode iniciar a ruta ao Mosteiro de Caaveiro polo Pazo. Unha terceira parada sería no parque etnográfico e a terceira no aparcadoiro A Ventureira, especialmente útil para os que chegan ata A Capela en coche xa que aquí poden deixar estacionado o seu turismo.
Esta incorporación ofrece unha nova alternativa para evitar que todos os turistas teñan que dirixirse a Pontedeume. Neste caso, as saídas de buses comezan ás 10.00 da mañá (saída das Neves) e rematan ás 19.00 horas.
Días de máis éxito
O día de máis afluencia ao Mosteiro de Caaveiro foi o 6 de xullo, con 450 persoas, e delas 404 decantáronse pola visita libre. Ata as 430 se chegou o día 14, das que 402 quixeron coñecer o monumento pola súa conta.
Tamén destaca o xoves 24, véspera de festivo e xornada na que se alcanzaron 424 turistas e neste caso logrouse unha marca naqueles visitantes que reclamaron un guía, ata 184 se decantaron por esta opción. Despois xa nos atopamos cos 352 visitantes do 13 de xullo (92 con guía e 260 independentes) e os 276 deste mesmo luns (156 guiados e 120 libres).
Curiosamente os días de máis éxito son os laborais, xa que o 71,36% de persoas visitaron o monumento de luns a venres, fronte o 28,64% que o fixo na fin de semana.











