O libro “Lanceata” ofrece unha nova forma de ver e entender A Lanzada
Turismo Rías Baixas acolle mañá a presentación do libro Lanceata. Entre la vida y la muerte. Entre la tierra y el mar, na que os arqueólogos Antonio de la Peña Santos, Buenaventura Aparicio e Rafael Rodríguez nos achegan a unha nova forma de ver e entender A Lanzada.
A obra, editada por Edicións do Cumio, fai un percorrido pola historia deste máxico e paradisíaco enclave desde o século V a. C. ata os nosos días, deténdose non só nos aspectos históricos senón afondando nos numerosos mitos e lendas que rodean A Lanzada.
A presentación terá lugar no Palacete das Mendoza o xoves 7 de agosto, ás 20:00 horas, e, nela, Cándido Meixide, de Edicións do Cumio, e os arqueólogos autores da publicación, Antonio de la Peña, Buenaventura Aparicio e Rafael Rodríguez, profundarán no contido dunha obra coa que o lector poderá achegarse, de forma amena e divertida, ós máis variados episodios vividos na Lanzada.
Estruturada en tres partes, na primeira os autores fan un percorrido pola historia do estudo da Lanzada, mentres que na segunda afondan nos resultados das últimas escavacións promovidas pola Deputación e achegan datos novos sobre o que é e o que foi A Lanzada.
A obra conclúe cun amplo apartado de antropoloxía cultural no que se abordan os ritos, mitos e lendas que teñen a súa orixe neste enclave.
Lanceata. Entre la vida y la muerte. Entre la tierra y el mar achéganos ós vestixios castrexos, romanos e medievais atopados, que dan fe da existencia dun poboado da Idade de Ferro, unha necrópole, un castelo e unha ermida románica, e, partindo desta longa historia de vida na Lanzada, permítelle ó lector coñecer e entender mellor os seus mitos e ritos.











