O jazz invadirá Cangas cunha nova edición do Canjazz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCangas
A-
A+

Hoxe tivo lugar ás 12.30 horas a presentación da décimo sétima edición do Canjazz, Festival Internacional de Jazz de Cangas que terá dende o 17 ao 20 da agosto. No acto estiveron presentes a concelleira de Benestar Social Dolores Gallego en representación do Concello acompañada por Xan Campos Iago Fernández e Paco Aboy promotores do festival. Nesta nova edición do certame jazzístico máis antigo da Galiza, unha nova xeración toma o relevo á cabeza do evento, despois de ter sido comandado durante case tres lustros polo director do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, Luis Carballo, quen o rescatou no 2001 dun esquecemento de vinte anos. Tratando de preservar a esencia do festival -música de calidade de balde, nas rúas e prazas da Zona Vella- nace a Asociación Cultural Canjazz, institución sen ánimo de lucro que a partir deste ano vaise encargar da organización do mesmo. Así, co obxectivo de facelo medrar, e coa presión nas costas polo crecente interese e coñecemento por parte dos veciños cara ao jazz, este colectivo propón para a edición 2014 unha programación salientable de altísimo nivel.

Gallego destacou no acto a vontade do goberno local de “manter a tradición musical presente na nosa vila, especialmente no jazz” sinalando que o Concello incrementou levemente a partida para este evento cultural, “seguiremos traballando nos próximos anos en colaboración cos promotores na mellora e difusión deste festival, que é cita sinalada no calendario da vila” recalcou.

Programación

Cunha duración de catro días, con eventos de mañá, noite e madrugada, a maior novidade é a volta de todos os concertos nocturnos ao seu mítico enclave do Eirado do Costal. Estas actuacións exploran o jazz saído dos dous extremos da península Ibérica: o Atlántico e o Mediterráneo.

A noite do domingo 17 contarase coa presenza do guitarrista lisboeta André Fernandes, un dos músicos máis influentes da nova escena portuguesa. Co seu quinteto de cabeceira, virá a presentarnos o seu novo “Motor”, co que acaba de gravar ao vivo no Hot Clube da capital lusa. O luns 18 chegará a Cangas unha estrela do jazz mundial coma é o baterista, pianista e vibrafonista Jorge Rossy, acompañado do seu cuarteto habitual. O catalán é un músico consagrado e recoñecido internacionalmente, entre outros por participar enproxectos da talla de Brad Mehldau Trio. O martes 19 será a noite reservada ao jazz galego, coa participación de Pablo Castaño Septet. O saxofonista ofrecerá unha das escasas ocasións de escoitar a súa música para esta formación con catro instrumentos de vento, na que leva traballando dende a súa estancia en New York.

Por último, o mércores día 20, poderase ver unha mistura única, creada ex profeso para o Canjazz 2014, e formada por tres destacados músicos da escena europea: o sueco Marko Lohikari, o valenciano Albert Sanz e o galego Virxilio Da Silva.

Jams e clases mestras

Ademais das sesións principais do Eirado do Costal, haberá outros concertos e actividades en paralelo. A estrea do festival acontecerá o domingo 17 ás doce da mañá,

cunha homenaxe a Charlie Parker a cargo de Fernando Sánchez Quintet, organizada pola taberna O Rincón. Tamén haberá jam sessions polas noites ao rematar os concertos do Costal. O luns 18 e mércores 20 terán lugar no Restaurante Menduíña de Aldán, executadas por Seir Caneda Trio e Rosolino Marinello Trio. O martes 19 será no Plantaciones a cargo de Wilfried Wilde Trio.

Asemade, para todas as persoas interesadas, ofreceranse varias clases mestras no Auditorio Municipal, impartidas por Jorge Rossy, Jaume Llombart (o luns ás 11h.) e Marko Lohikari (o mércores ás 16h.) cun custo de inscrición de 10€.

14 de agosto de 2014 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.