O investimento do Concello de Carballo na mellora da rede viaria supera os tres millóns de euros
O investimento realizado polo Concello de Carballo na mellora da rede viaria municipal, tanto no casco urbano como no medio rural, nos últimos dous anos (incluíndo as actuacións previstas para 2014) supera os tres millóns de euros. Hai que excluír deste reconto os labores cotiáns de mantemento e desbroce que xestiona durante todo o ano a Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas (na imaxe de arquivo co Alcalde, Evencio Ferrero, supervisando este ano unhas obras viarias na Piña, Sofán). As actuacións véñense realizando de forma continuada nas 18 parroquias do municipio en todo tipo de vías, tanto estruturantes (que conectan núcleos de poboación) como secundarias ou vías forestais.
Así mesmo, hai que incluír os labores de rebacheo que se realizan tanto no medio urbano coma no rural. Hai que subliñar que, en exclusiva no medio rural, os datos recompilados durante estes dous anos reflicten que o investimento superou o millón e medio de euros. Está previsto que durante o que resta de 2014 se realice un investimento de 348.739,27 euros para a mellora de vías no rural entre as actuacións incluídas no plan DTC 2013 da Deputación provincial e aquelas que se realizarán con cargo ao remanente de tesourería.
No caso dos traballos en vías do casco urbano, o investimento realizado dende 2012 chega a preto de 700.000 euros, mentres que está previsto investir de aquí a final de ano outros 774.481,07 euros, tamén con cargo ao plan DTC e ao remanente de tesourería. Entre os proxectos previstos, hai que mencionar a aprobación recentemente en Xunta de Goberno de tres contratos administrativos de obras por un importe total de 663.907,31 euros para realizar traballos de mellora e reparación de vías e de ampliación e rebacheo de camiños nas parroquias de Lema, Noicela, Oza, Bértoa, Sísamo, Goiáns, Sofán, Berdillo e Carballo.
Todos eles están incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (POS 2014) da Deputación provincial da Coruña. O primeiro deles é o Contrato administrativo de obras de “Ampliación e reparación en varios viais estruturantes das parroquias de Noicela, Lema, Oza, Bértoa, Sísamo e Goiáns no Concello de Carballo” cun orzamento de licitación de 231.254,30 euros; en segundo lugar, aprobouse o Contrato administrativo de obras de “Rebacheo e reparación en varios camiños das parroquias de Carballo e Sofán no Concello de Carballo” cun orzamento de 223.986,54 euros; e en terceiro e último lugar aprobouse o expediente para a contratación administrativa das obras de “Construción de sobreanchos e mellora do firme en varios camiños das parroquias de Berdillo e Sofán no Concello de Carballo” por un importe de 208.666,47 euros.











