O hostaleiro de Chantada que disparou á súa parella reconstrúe o acontecido no local
O hostaleiro de Chantada (Lugo) Antonio F., que o martes pola noite disparou na cabeza á súa parella e a deixou en estado de extrema gravidade, foi trasladado esta mañá á hamburguesería que rexenta, onde aconteceron os feitos.
Así, en torno ás 10,30 horas arrancou a reconstrución dos feitos na Hamburguesería Piscis de Chantada, na que o martes pola noite Antonio F., de 41 anos de idade, disparou na tempa á súa parella, Sonia Figueroa, de 32 anos, que continúa estable dentro da extrema gravidade no hospital.
No rexistro do local participaron cans de rastrexo, ademais de axentes da Garda Civil, coa colaboración da Policía Local de Chantada e baixo a supervisión da xuíza Elvira Cangado.
ESTUPEFACIENTES
Fontes da investigación confirmaron que o martes pola noite, cando acudiu a Garda Civil á chamada de alerta, foron atopadas no local papelinas que se corresponderían con droga.
Á espera das análises que ratificarán se a composición se corresponde con substancias estupefacientes, os investigadores barallan que podería tratarse de cocaína. Cando os axentes chegaron ao lugar dos feitos o martes pola noite, o agresor confeso “estaba moi excitado e alterado”.
O agresor foi trasladado este xoves dende os calabozos da Garda Civil de Chantada á hamburguesería para participar na reconstrución dos feitos. Prevese que os investigadores procedan posteriormente ao rexistro da súa vivenda.
O detido xa confesou en dúas ocasións ser o autor dos disparos á súa parella. Así, o dono da hamburguesería, na que a vítima traballaba como camareira, admitiu os feitos na mesma noite do martes e tamén se autoinculpou o mércores.