O goberno vilagarcián reúnese coa adxudicataria da reforma do parque Xunqueira para establecer o plan de obra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno local manterá esta semana unha xuntanza coa empresa adxudicataria da obra de Reforma Integral do Parque da Xunqueira co obxectivo de establecer o plan de traballo a seguir nas vindeiras semanas. A reforma do céntrico parque vilagarcián é unha obra moi esperada debido ao mal estado no que se atopa o firme do paseo central e á necesidade de mellorar esteticamente o resto da zona de esparexemento. A isto sumaráselle tamén a dotación do solo de caucho na segunda zona de xogos infantís, cunha actuación que se desenvolve a través doutro proxecto.

Rematadas as Festas de San Roque e a piques de concluír as actividades de verán, Vilagarcía verá en breve como comeza un dos proxectos máis esperados: a Reforma Integral do Parque da Xunqueira. A obra adxudicada á empresa Construcciones Abal por importe de 318.762 euros finánciase a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación.

Na xuntanza cos responsables da obra e o técnico director da mesma, tratarse de establecer o plan de traballo máis apropiado para aminorar as típicas molestias que causan as obras, garantir a seguridade dos peóns nesta transitada zona mentres duren os traballos, e para tratar de que os prazos de execución sexan os máis breves posibles para evitar que os traballos entren na temporada de chuvias que demorarían máis o seu desenvolvemento.

O proxecto redactado polos técnicos do Concello prevé a substitución do actual pavimento do parque, moi deteriorado e levantado polas raíces das árbores, por outro de lousas de pedra granítica, nos paseos centrais, e de lastro de formigón nos bordos. A obra tamén inclúe a construción de bancadas, dotación de novo alumeado e mobiliario urbano, acondicionamento das canchas deportivas e mellora da ornamentación vexetal.

Caucho na zona infantil

Independentemente dista actuación, en breve comezarase tamén a segunda fase da mellora da zona infantil de xogos. Despois da instalación de firme de caucho e cambio das atraccións e instalacións no recinto máis próximo ao río, agora efectuarse unha actuación similar na zona de enfronte.

26 de agosto de 2014 | 12:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.