O goberno ferrolá porá en marcha en setembro o terceiro obradoiro de emprego Ferrol Verde
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Emprego que dirixe Martina Aneiros Barros, porá en marcha en setembro a terceira edición do Obradoiro de Emprego Ferrol Verde, que dará continuidade a preparación da parcela municipal do Montón, de máis de 23.000 metros cadrados de superficie, como unha zona verde aberta ao gozo da cidadanía. Este mes concluirá o proceso de selección do alumnado participante nesta acción formativa encamiñada a conseguir a inserción laboral de persoas en situación de desemprego e que se centra en dúas especialidades: Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes; e operación auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas. As dúas modalidades contan co certificado de profesionalidade da Xunta de Galicia –nivel 1, no caso de albanelería e nivel 2 na especialidade de xardinería-.
O Centro Municipal de Emprego está a completar esta semana as entrevistas persoais aos 70 candidatos a participar neste obradoiro seleccionados entre as 372 persoas que demandaron formar parte deste Obradoiro de Emprego, e cuxas solicitudes foron remitidas polo Servizo Público de Emprego ao Concello de Ferrol. Os criterios de selección das solicitudes presentadas foron os seguintes: idade (mozos/as menores de 30 anos e maiores de 45 anos), condición de muller, ter recoñecida unha minusvalía compatible coas actividades do obradoiro, ter esgotada a prestación de subsidio por desemprego nos últimos dous anos, existencia de responsabilidades familiares, parados de longa duración, pertencer a colectivos desfavorecidos, carecer de títulos universitarios e de FP de grao superior, condición de muller vítima de violencia de xénero, ter previsto este tipo de formación no seu itinerario de inserción profesional. Tras as entrevistas persoais que se están a facer esta semana, en que se centran en valorar a adecuación ao posto de traballo tendo en conta os intereses dos candidatos e as súas preferencias polas especialidades formativas, finalmente o número de alumnos/as – traballadores que se escollerán ascende a un total de 23 -15 na especialidade de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdez e 8 na modalidade de Operacións Auxiliares de Albanelería de Fábricas e Cubertas -.
O Obradoiro Ferrol Verde 3 terá unha duración de seis meses. Durante este período de formación e de traballo os participantes realizarán diferentes obras de mellora na parcela do Montón para convertela nun parque verde aberto ao goce da cidadanía. Así, entre outros traballos está previsto a retirada de cerramentos interiores; a mellora da accesibilidade co establecemento dunha zona de formigón para o acceso rodado ao parque; un peche parcial de finca; arranxo da cuberta dunha das construcións que hai na parcela; establecemento dun xardín temático con plantas aromáticas; xeración dun xardín de extensión con diferentes zonas de estancia; realización de sendas interiores e habilitar unha zona para hortas urbanas.











