O goberno de Ourense aproba 831 axudas que darán apoio ás familias ourensás para afrontar os gastos do novo curso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello concederá un total de 831 axudas ás familias ourensás con escasos recursos económicos para afrontar os gastos en libros e comedor escolar que suporá o próximo curso escolar 2014/2015, que comezará en setembro.

A Xunta de Goberno Local do Concello e Ourense aprobou en xuntanza extraordinaria celebrada este mediodía a concesión destas axudas, destinadas á adquisición de libros de texto e de material escolar para alumnado de Educación Infantil e para sufragar os custes do servizo de comedor escolar para alumnado de Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria, que estude en centros públicos ou concertados. O Concello destinará a estas axudas máis de 350.000 euros. A cifra medrará este curso respecto ao anterior, xa que o total de subvencións concedidas para o curso 2013/2014 (801) incrementarase ata 831 para o próximo curso 2014/2015.

O Concello concederá a axuda solicitada a tódalas familias solicitantes que cumprían os requisitos definidos na convocatoria, publicada no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, do día 7 de maio. Serán, en total, 254 axudas para adquisición de libros e material escolar de Educación Infantil, das que 74 serán para nenos e nenas de 3 anos, 77 para nenos e nenas de 4 anos e 103 para nenos e nenas de 5 anos.

No caso dos comedores escolares, serán un total de 577 axudas, das que 340 son para escolares de colexios públicos e 237 para colexios concertados.

O número de axudas concedidas medra respecto ao anterior curso 2013/2014, no que se concederan 801 axudas. O incremento céntrase nas axudas de comedor, que pasan de 516 o curso pasado (285 a centros públicos e 231 a concertados) a 577 no curso que comezará en setembro. No caso dos libros e material escolar, redúcense lixeiramente, ao pasar de 285 o curso pasado (65 de 3 anos, 111 de 4 anos e 109 a 65 anos) a 255 no próximo curso.

O aumento das axudas requerirá un incremento tamén no orzamento deste programa da Concellería de Benestar. Con esta finalidade, aprobouse esta semana unha dotación adicional de crédito a través dun decreto da alcaldía.

As axudas para libros e material escolar serán de 90 euros por escolar de 1º de Infantil (3 anos), de 110 euros para os de 2º de Infantil e de 125 euros para os de 3º de Infantil.

No caso das axudas para comedor, as axudas serán da totalidade do custe nos centros públicos e de 45 euros ao mes nos concertados.

Familias con menos de 3.500 euros de renda per cápita anual

De acordo coas bases da convocatoria realizada polo Concello, as axudas darán apoio a familias empadroadas no Concello de Ourense, con nenos ou nenas matriculados en centros de Educación Infantil (no caso das axudas para libros e material escolar) ou matriculados en Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria no caso de comedor escolar.

As familias non poden superar 3.500 euros de renda per capita anual. Compútase un membro máis no caso de presentar algún deles unha discapacidade igual ou superior ao 33% e tamén no caso de ser familia monoparental (a constituída por unha soa persoa proxenitora/titora con quen convive o neno ou a nena e que é a única sustentadora da familia).

A resolución provisional das axudas concedidas publicarase nos próximos días no taboleiro de edictos do Concello, na Praza Maior, e na páxina web (www.ourense.es), abríndose un prazo de 10 días para que as persoas interesadas podan prestar alegacións se o estiman oportuno.

29 de agosto de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.