O goberno de Oroso garante o remate das obras que lle corresponden no novo CEIP de Sigüeiro
O Concello de Oroso garante que a parte das obras que lle corresponde no proxecto do novo colexio de educación infantil e primaria (CEIP) de Sigüeiro estará rematada na primeira semana de setembro, a tempo por tanto para o inicio do curso escolar. Así o ratificaron esta mañá o alcalde, Manuel Mirás e os concelleiros de Ensino, Antonio Leira, e de Obras e Servizos, Eduardo Veiras, que acudiron a supervisar o bo ritmo dos traballos de conexión exterior do novo centro educativo coas redes e servizos de electricidade, gas, auga e saneamento.
O alcalde explica que a maior parte das canalizacións van quedar rematadas xa estes días. De feito, algunhas delas xa comezaron a ser tapadas polos operarios para restablecer o estado previo dos terreos polos que discorren. Os servizos de augas e de saneamento conéctanse desde a rede xeral no polígono industrial, mentres que a electricidade procede da rede de media tensión próxima e o gas das canalizacións xerais cercanas. E para a primeira semana de setembro o colexio disporá das beirarrúas na súa parte dianteira completamente rematadas.
“Imos cumprir os compromisos do Concello a pesar de que a Xunta puxo moitas trabas, ao retrasar moito o remate do colexio impedindo traballar mentres tanto”, asegura Manuel Mirás. De feito, ata hai uns días os terreos polos que chegará a subministración eléctrica estaban cheos de contedores e casetas de obra, e aínda hoxe varios permanecen sen retirar.
Por outra parte, o Ministerio de Fomento xa autorizou a apertura do segundo vial de acceso ao polígono industrial, que ata agora estaba pechado e obrigaba a utilizar só o que pasa xusto por diante do novo CEIP. Unha vez se rematen as canalizacións eléctricas, o segundo vial será aberto ao tráfico e o actual será pechado para executar con maior celeridade as obras das beirarrúas diante do colexio.
Accesos
Por outra parte, o alcalde detallou tamén que o novo centro de ensino contará con accesos seguros a pé desde as principais zonas de Sigüeiro. Ademais das novas beirarrúas da rúa do Portiño, o Concello está redactando o proxecto para construír unha senda verde desde a estrada que leva á Estación de Oroso ata a N-550, a través da Ulloa. Esta iniciativa completarase cun paso de peóns na estrada nacional, que xa está solicitado e que o Ministerio de Fomento terá que ubicar na zona que considere tecnicamente máis oportuna e segura. E desde aí, na marxe esquerda da N-550 (dirección Santiago) o Concello xa ten redactado o proxecto de beirarrúas desde o concesionario Renault ata o propio colexio.
Para os escolares de Sigüeiro que non precisarán cruzar a N-550 para acudir á clase, o Concello ultima tamén o acondicionamento dun itinerario directo a través do paseo fluvial do Carboeiro, que chegará xusto ata a porta do CEIP.
Falta de colaboración institucional
O Concello de Oroso lamenta a absoluta falta de colaboración institucional por parte da Consellería de Educación en todo o relativo ao novo CEIP de Sigüeiro. Resulta especialmente grave nas últimas datas, nas que nin informa ao Concello da situación do proxecto nin tampouco lles permite nin aos integrantes do goberno local nin aos técnicos municipais o acceso ao interior do edificio para coñecer e comprobar o estado actual da obra.
Ante este silencio da Xunta, o Concello de Oroso reitera que reivindica que o novo CEIP teña os mesmos servizos que o actual, fronte á pretensión da Consellería de deixalo sen transporte escolar e sen un servizo de comedor en idénticas condicións ás do colexio actual. As pretensións do goberno autonómico derivarían nun colexio de primeira e outro de segunda para Sigüeiro, algo que o Concello non está disposto a admitir. O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, manifesta que “estamos moi satisfeitos por poder contar cunhas novas instalacións educativas pero o que non podemos ter é dous centros públicos que ofrezan servizos diferentes pois iso suporía un agravio para as familias que teñan que levar aos seus fillos a un centro ou a outro”.











