O goberno de Nigrán acomete obras de mantemento no Carlos Casares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e a concelleira de Educación, Carmen Alonso-Macías, visitaron hoxe as obras de mantemento que o goberno municipal está a realizar no C.E.I.P. Carlos Casares, na parroquia de San Pedro.

As obras contemplan a reforma da cuberta, actuación asumida pola Consellería de Educación, e a instalación de novos sistemas de illamento e o pintado de cinco aulas e o corredor central da primeira planta do centro, “moi afectadas por problemas de humidades, que coas fortes choivas do pasado inverno víronse agravados”, explicou o rexedor municipal.

A instalación do illamento foi subcontratada a unha empresa externa por valor de 6.050 euros, “mentres que o pintado de aulas e corredor, valorado noutros 6.000 euros, está sendo executado por operarios municipais para reducir custos”, engadiu Valverde.

Neste sentido, lembra que o orzamento do goberno municipal contaba cun capítulo para obras de mantemento en centros escolares de 37.000 euros. “A pesar da difícil conxuntura na que estamos por non ter un orzamento aprobado, estamos a priorizar aqueles gastos en áreas fundamentais, como é o mantemento dos nosos colexios”, apuntou o alcalde, e avanza que nas próximas semanas, persoal municipal asumirá outras actuacións de mantemento noutros centros, como o Humberto Juanes.

A esta actuación súmanse as obras acometidas en leste mesmo centro en 2012, valoradas en 15.000 euros e consistentes no asfaltado do patio de acceso e da zona traseira do centro, o arranxo da rampla de acceso á pista polideportiva exterior e a reconstrución dun muro que se atopaba en perigo de derrube.

 

14 de agosto de 2014 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.