O goberno de Mos acomete unha importante mellora no parque de Torroso
A Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Parques e Xardíns, Cándido Pérez, e o edil mosense de Vías e Obras e natural da parroquia de Torroso, Alberto Méndez, informaron hoxe da importante mellora acometida no parque de Torroso.
Os traballos consistiron na instalación de elementos biosaudables para a práctica de exercicio físico por adultos, adecentamento de todo o contorno, acometida do peche na zona onde se ubican os elementos de xogo infantís que foron tamén optimizados, adaptación con rampas para cadeiras de rodas dos accesos ás zonas habilitadas con mesas e bancos de pedra, e reposición da area do areeiro.
Todos estes labores atópanse xa rematados, quedando únicamente pendentes tres melloras a maiores que se levarán a cabo nos vindeiros días e consisten na prantación de árbores, instalación de bancos de madeira xunto á área de elementos infantís, para que se poidan sentar os pais dos cativos mentres os pequenos xogan e optimización das porterías da pista deportiva con traballos de pintado e instalación de redes nas mesmas.
Tal e como xa se informou nunha ocasión previa, o Concello de Mos está a desenvolver un plan integral de mellora dos parques municipais e, incluído no mesmo, ademais do de Torroso recentemente se melloraron as zonas de xogos existentes en San Eleuterio e A Porteliña.
Ó igual que en Torroso, en San Eleuterio instaláronse novos elementos, concretamente aparatos biosaudables de ximnasia para adultos, reformouse o areeiro, prantáronse árbores, realizouse o pintado de tódolos bancos existentes e reparáronse os elementos infantís.
E na Porteliña instalouse un novo peche perimetral na área de parque infantil, prantáronse árbores e prantas, colocouse unha barandilla e bordillos no pasadizo que baixa ó muíño e próximamente instalaranse unha mesa e bancos para que as familias poidan acomodarse durante a merenda.
Os traballos acometidos en todos os parques que están a ser mellorados en Mos realízanse con fondos propios e persoal municipais.
Plan Integral
O proxecto do plan de mellora integral dos parques de Mos comezou coa visita técnica da aparelladora municipal a tódolos parques da localidade mosense para comprobar as deficiencias existentes, tomar nota das necesidades e valorar as obras pertinentes a realizar nos casos das áreas de lecer que así o precisasen. Unha vez feito o traballo de campo e redactado o estudio técnico, iniciáronse os traballos.
Sobre este plan integral de parques a rexedora local mosense destacou a “importancia do mesmo por existir en Mos un total de 1.479 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, que merecen poder desfrutar ó aire libre do seu tempo de lecer, sobre todo agora nos meses de verán que a climatoloxía o permite, e nunhas instalacións óptimas e da mellor calidade”.











