O goberno de Ferrol presenta na Xunta as alegacións á proposta de reestruturación do servizo de transporte urbano
O Concello de Ferrol presentou hoxe na Xunta de Galicia alegacións á proposta de reestruturación do servizo de transporte urbano de viaxeiros feita pola empresa concesionaria do mesmo, Tranvías de Ferrol. No escrito remitido á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, a Administración municipal sinala que “rexeitamos calquera modificación que empeore a situación do servizo de transporte e esiximos o control do cumprimento das condicións de concesión de prestación do servizo das operadores”.
O concelleiro de Seguridade e Mobilidade do Concello de Ferrol, Pablo Cal Martínez, explicou que a alegación cursada céntranse en tres puntos: a necesidade de que o transporte público chegue até a area hospitalaria; a recuperación das paradas de Ferrol Vello e o mantemento dos servizos e liñas no barrio de Caranza. Ao respecto do primeiro punto, o edil ferrolán sinala que “é imprescindible que o transporte público dunha ou doutra concesión chegue ao hospital naval, xa que esta instalación absorbe unha importante porcentaxe das consultas externas da Área Sanitaria de Ferrol”. Así as cousas, para o titular de Mobilidade do Concello de Ferrol “non é de recibo, e máis neste caso en que falamos de persoas enfermas, que estes teñan que desprazarse a pe máis de 300 metros para ir ao hospital naval”.
Ferrol Vello e Caranza
Na alegación do Concello de Ferrol argumentase tamén a necesidade de que se recupere as paradas de Ferrol Vello coas liñas directas aos hospitais. “Aínda sabendo que non é un servizo incluído na concesión, a súa supresión non é procedente porque o certo é que se presta dende fai moitos anos e polo tanto debera verse incluído na prestación do servizo”, apunta na alegación o responsable municipal de Mobilidade.
Unha última cuestión en que fai fincapé a alegación do Concello é na demanda de que permanezan como estaban, sen modificacións, os tráficos da zona de Caranza. Ao respecto, a Administración ferrolá rexeita a “eliminación ou reducción drástica de servizos que a empresa concesionaria propón en sábados, domingos e festivos”.
O Concello de Ferrol presentou esta mañá no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia estas alegacións á proposta da empresa concesionaria do servizo, atendendo así ás principais peticións das entidades veciñais de Caranza e Ferrol Vello coas que estivo en contacto o edil Pablo Cal. Ademais, o concelleiro ferrolán manterá unha nova xuntanza coa Dirección Xeral de Mobilidade en que reiterará a negativa do Goberno Municipal á reestruturación do servizo proposto por Tranvías de Ferrol.











