O goberno de Ferrol mantén a ampliación dos baremos económicos para que máis estudantes se beneficien do bonobús universitario
O Goberno Municipal de Ferrol mantén as melloras introducidas nos tres últimos cursos nos baremos para a concesión das axudas ao bonobús universitario. Así o indicou o concelleiro de Cultura e Universidade, Manuel-Reyes García Hurtado, despois de que a comisión informativa da área celebrada esta mañá ditaminara a favor dos criterios presentados polo executivo local, ao tempo que aprobaba os dous períodos de presentación das solicitudes a este bono bus universitario. O devandito período para pedir esta achega municipal para o curso 2014-2015 queda, pois, do seguinte xeito: do 20 de agosto ao 20 de setembro de 2014 e do 15 de outubro ao 15 de novembro de 2014.
O edil García Hurtado explicou que “continuando coa liña de posibilitar que desta axuda para o bonobús universitario se beneficie un maior número de estudantes, decidimos manter o incremento en 3.000 euros por tramo no límite máximo de ingresos por unidade familiar para determinar a concesión destas achegas. Un incremento que vimos aplicando nos tres últimos cursos”. Así, o baremo que rexerá durante o curso 2014-2015 dos límites máximos de base impoñible por unidade familiar son:
– 1 ou 2 membros da unidade familiar: 19.000 euros de límite máximo de base impoñible
– 3 membros da unidade familiar: 21.000 euros de límite máximo de base impoñible
– 4 membros da unidade familiar: 23.000 euros de límite máximo de base impoñible
– 5 membros da unidade familiar: 25.000 euros de límite máximo de base impoñible
– 6 membros da unidade familiar: 27.000 euros de límite máximo de base impoñible
– 7 membros da unidade familiar: 29.000 euros de límite máximo de base impoñible
– 8 membros da unidade familiar: 31.000 euros de límite máximo de base impoñible
Cando sexan dous irmáns os usuarios do bonobús, o primeiro deles terá dereito á bonificación, mentres que para o segundo outorgaráselle sempre que a base impoñible da unidade familiar non supere os 34.000 euros. Así mesmo, no caso de familias que teñan tres ou máis fillos cursando estudos universitarios, todos aqueles que utilicen o bono bus terán dereito a bonificación, sempre que a base familiar non supere os 49.000 euros. O bonobús universitario está dirixido a estudantes empadroados no Concello de Ferrol que cursen estudos no Campus Universitario da Coruña.
Festivos locais
Noutra orde de cousas, a comisión informativa de Cultura, Educación, Deportes e Tursmo tamén ditaminou sobre a proposta de festividades locais do Concello de Ferrol para o ano 2015, que coinciden co día de San Xiao e coa festividade de Chamorro.











