O goberno de Ferrol acometerá a renovación integral dunha trintena de rúas dos barrios da zona urbana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol investirá 1,2 millóns de euros á renovación integral, pintado e sinalización dunha trintena de rúas do casco urbano. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a encomenda de xestión destas actuacións á empresa Tragsa, coas que o Goberno Municipal de Ferrol quere “atender ás propostas veciñais e seguir poñendo solucións á mellora das rúas e viarios do municipio”, explicou o primeiro tenente de Alcaldía, Guillermo Evia Pérez. O tamén titular de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación detallou este programa do que se beneficiarán todos os barrios de Ferrol acompañado da Voceira do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros; e do concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Borja Carro Muñoz.

Para Guillermo Evia a renovación integral dunha trintena de rúas contempladas neste programa é “o máis completo e ambicioso co que ten contado Ferrol”. “O obxectivo é seguir mellorando a cidade e os seus barrios, xa que un Goberno debe atender tamén as necesidades do día a día dos seus veciños”, engadiu o edil ferrolán. Neste sentido, o responsable de Urbanismo manifestou que “é certo que son importantes as grandes obras de transformación urbana polas que tantos anos levaba esperando Ferrol -como poden ser a renovación das prazas de Sartaña e Río do Tronco; a apertura do parque Raíña Sofía, a reurbanización da praza de Callao ou a recuperacións dos xardíns de San Francisco-. Pero nesta cidade tamén tiñamos unha ausencia practicamente total en canto a reparación de rúas que neste mandato estamos solucionando”.

Ao fío desta preocupación do Goberno Municipal por mellorar o estado dos viarios e rúas do municipio, o edil de Medio Ambiente e Servizos lembrou que ademais deste programa de renovación integral de rúas o Goberno Municipal xa acometeu outras obras de reparación de viarios. Así, Borja Carrol referiuse á recente reurbanización das rúas Fontemoura-Río Xubia e Illa Herbosa en San Xoán; ao camiño O Pico-Leixa en Santa Icia; á rúa Fernández Bastida (estrada da Feira do Dous) en Serantes e á reurbanización das rúas Alegre de Canido e Sol na Magdalena. Unha serie de intervencións que se completan así mesmo, coa pavimentación de camiños, pistas e estradas na zona rural en que o Concello de Ferrol investirá 480.000 euros procedentes de fondos provinciais. Cómpre lembrar que esta serie de actuacións no rural foi aprobada polo Pleno de Ferrol o pasado mes de maio, e que contempla a pavimentación dos principais viarios de A Cabana, Covas, San Xurxo, Brión, Mandiá, Cariño, Esmelle, Papoi e Marmancón. E a todo isto hai que engadir as tarefas de reparación de rúas e beirarrúas que desenvolve dende o ano pasado o servizo municipal de Mantemento de Infraestruturas.

Renovación integral de rúas

Borja Carro explicou que as actuación do plan integral de renovación de rúas que se desenvolverá nos próximos meses responde a actuacións prioritarias trasladas polos responsables das entidades veciñais durante o Plan de Barrio e recollidas tamén na Oficina Municipal de Información e Atención Cidadá. “Son todas obras necesarias e prioritarias. O obxectivo é comezar de maneira inmediata, para o que esta mesma semana manterei unha reunión cos responsables de Tragsa para fixar o calendario de obras. A previsión é aproveitar as condicións meteorolóxicas favorables e que o conxunto das intervencións estean rematadas en tres ou catro meses”.

O listado completo de obras de renovación de rúas é o seguinte:

A MAGDALENA: Rúa da Igrexa (tramo da Costa de Mella)

ENSANCHE A: Manuel Belando, Cuntis, treito de Pontevedra e Pérez Villamil, Instituto e Ministro Patiño.

ULTRAMAR: Sanchez Calviño (primeiro tramo da rúa até Venezuela. Substituirase o empedrado actual por un novo pavimento de formigón), Bertón e Villa Soledad.

ESTEIRO: Mendizábal, Antelo, Travesía de Vigo e Soto.

RECIMIL: Ortigueira.

SANTA MARIÑA: Camiño do Tiro e Casal dos Ovos.

SAN PABLO-CATABOIS: Cemiterio (beirrarúas que enlacen cos nichos), Camiño dos Castros e Camiño da Valenta.

A GRAÑA: Treito dende o túnel até o casco urbano, e tramo dende o parque infantil.

SAN XOÁN: Colombia, Carricoa e Campo do Chao.

CANIDO: Rotonda de Canido, Avenida do Rei (até o túnel), Muíño do Vento.

CARANZA: Parte traseira do Centro de día, Masaia (até o parque Fontelonga) e Armada Española.

No que atinxe á sinalización e pintado, o edil de Medio Ambiente e Servizos recordou que esta será o segundo plan que se leve a cabo neste mandato, despois dunha primeira actuación global na cidade en que se investiron ao redor de 300.000 euros. As rúas e zonas en que se intervirá son as seguintes:

A MAGDALENA: Sol, María, Gravina, Real, Magdalena, Tierra, Rubalcava, Méndez Nuñez, Arce, Dolores, Igrexa, Praza de Callao, Coruña, Concepción Arenal, Rochel, San Diego, Carme. Lugo, Praza de Galicia e Sánchez Barcaiztegui.

ESTEIRO: Avenida de Esteiro, Naturalista López Seoane, San Roque e Ánimas, Doutor Vázquez Cabrera, Españoleto, estacionamentos de Fernando VI e Colón.

CANIDO, SERANTES E A MALATA: Irmandiños, Canido, circunvalación Feira de Mostras e Serantes.

ESTRADA DE CASTELA: Sinalización.

ESTRADA DE CATABOIS: Sinalización.

Borja Carro explicou que o programa de pintado e sinalización contempla actuacións naqueles viarios antes sinalados en que se proceda á renovación integral do seu firme. Así mesmo, tamén se inclúe neste proxecto a reposición e colocación de sinais.

4 de agosto de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.