O goberno de Cedeira destinará 10.000 euros a axudas escolares
O Concello de Cedeira destinará, por primeira vez este ano, unha partida de 10.000 euros para axudas escolares, dirixidas fundamentalmente á adquisición de libros de texto e material escolar por parte das familias con nenos e nenas que cursen Primaria. Unhas axudas municipais que complementarán as subvencións autonómicas vixentes e en cuxas bases traballa actualmente o goberno municipal que dirixe Luis Rubido.
En todo caso, a Administración local, que canalizará as subvencións a través da Concellería de Servizos Sociais, sinala que prevé abrir a convocatoria no mes de setembro e que o importe das achegas virá determinado polos recursos económicos dos demandantes. O Concello decidía reservar unha partida do orzamento a este capítulo para axudar ás familias con menos recursos da vila a afrontar os gastos de escolarización.











