O conselleiro de Educación visita varios centros de Ourense nos que se investiron 113.000 euros en reformas

Vázquez Abad na visita ao Ceip Albino Núñez
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou, durante o día de hoxe, as instalacións do centro integrado de formación profesional A Carballeira – Marcos Valcárcel, e dos colexios de educación infantil e primaria Virxe de Covadonga e Albino Núñez, todos no concello de Ourense, para comprobar o estado dos traballos realizados por valor de máis de 113.000 euros.
CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel
Concretamente, do total do investimento, preto de 47.000 foron destinados para o CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel para adaptación de locais destinados a aula de hixiene bucodental e informática. Estas accións súmanse ás que xa se teñen realizado este mesmo curso no centro por un importe de 30.000 euros e nas que se adaptou o laboratorio de química. Deste xeito a inversión total que a Consellería destina a este centro integrado de formación profesional sitúase preto dos 77.000 euros que servirán para dar un mellor servizo aos seus 823 alumnos. No último quinquenio o total do investimento feito polo departamento que dirixe Vázquez Abad é de arredor de 305.000 euros.
CEIP Virxe de Covadonga
No CEIP Virxe de Covandonga a Consellería dedicou máis de 18.000 euros a obras de substitución da carpintería exterior de aluminio e á instalación da toma de corrente na cociña, así como dunha claraboia, moi demandada pola comunidade educativa. Grazas a estas accións do departamento de Vázquez Abad, o vindeiro curso académico un total de 215 alumnos poderán utilizar unhas instalacións nas que se veñen traballando dende o ano 2010 para conseguir unhas condicións óptimas. A inversión total nestes últimos catro anos ascende aos 125.000 euros.
Cómpre recordar que, ademais desta inversión, Cultura e Educación xa destinou máis de 36.000 euros ao centro que, dende o pasado ano 2012, participa no proxecto Abalar e no que ademais está previsto un investimento de preto de 60.000 euros para o servizo de comedor. Deste xeito, a Consellería achega máis de 114.000 euros continuando pola súa aposta polo ensino público.
Ademais, durante o pasado curso o centro desenvolveu un contrato-programa para a modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo polo que se contratou un docente externo a medio xornada co obxectivo de mellorar os resultados académicos respecto da primeira avaliación.
CEIP Albino Núñez
Por outra banda, o departamento de Cultura e Educación investiu preto de 18.000 euros no CEIP Albino Nuñez en obras de reposición do falso teito e a colocación de luminarias. Grazas as obras, que se veñen realizando no centro dende o ano 2009 e nas que xa se investiu un total de 134.345 euros, un total de 206 alumnos contarán o curso académico 2014/2015 dunhas mellores instalacións.
Ademais do orzamento para obras, a Consellería xa destinou uns 28.000 euros no centro que, dende o ano 2010, participa no proxecto Abalar, e que tamén ten previsto un presuposto de preto de 100.000 para o servizo de comedor do vindeiro curso.
Durante o seu recorrido Vázquez Abad estivo acompañado polo delegado territorial na provincia, Rogelio Martínez e polos directores dos respectivos centros, Vicente Ribao, Constantino Seoane e Xosé Rodríguez.
Con esta visitas a Consellería de Cultura e Educación reafirma o seu compromiso cos centros educativos galegos nos que sumou máis de 73,8 millóns de euros en investimentos no período 2009-2014. O departamento dirixido por Vázquez Abad rematou as actuacións en 21 destes centros, o que supuxo unha achega por enriba dos 48 millóns, e ten neste momento en execución ou licitación actuacións noutros 10 por un orzamento de máis de 25 millóns.











