O Concello de Vilagarcía pedirá á Xunta que trate de abrir unha vía de diálogo con Garavilla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde, Tomás Fole, e os voceiros dos catro grupos da Corporación Municipal mantiveron este mediodía no Concello unha reunión cos representantes do Comité de empresa de Cuca. Despois de escoitar os plans das traballadoras fronte a última decisión xudicial que bota por terra o obxectivo de que a conserveira manteña a súa actividade en Vilaxoán, o Concello decidiu seguir apoiando institucionalmente á plantilla, polo que solicitará á Xunta de Galicia que trate de abrir unha vía de diálogo co grupo Garavilla para estudar posibles alternativas á problemática causada co traslado da actividade á planta de O Grove.

Tomás Fole explicou que porase en contacto cos responsables da Consellería de Mar e de Industria para expoñerlles a situación e solicitar que a administración autonómica media co grupo conserveiro para tratar de buscar unha alternativa que convenza a ámbalas dúas partes en conflito.

Na reunión de hoxe, o comité explicou aos voceiros o contido do recurso que presentaron contra a última resolución xudicial na que, se daba por executada a sentencia inicial coa medida adoptada pola empresa consistente en que as empregadas de Vilaxoán fichen a diario na antiga fábrica de Cuca para logo trasladalas á planta do Grove para realizar o seu traballo, incluído o tempo dos desprazamentos de ida e volta dentro do horario da xornada laboral.

As traballadoras consideran unha burla esta medida e amosaron a súa sorpresa e desánimo ante o xiro de 180 graos dada pola xuíza respecto á primeira sentenza na que consideraba inxustificado o traslado da actividade de Cuca ao Grove.

Ante esta situación, pretenden que a Xunta medie para que Garavilla teña a ben estudar diferentes alternativas que satisfagan a ámbalas dúas partes. Por exemplo cuantificar o custe que lle supón ao grupo conserveiro o pago de indemnizacións así como os gastos anuais dos traslados diarios das operarias ao Grove, para avaliar que medidas ou actuacións se poderían financiar con estes cartos para manter a actividade total ou parcial en Vilaxoán.

26 de agosto de 2014 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.