O Concello de Vilagarcía abre un novo prazo de presentación de ofertas para xestionar o vaibike
O Concello abrirá un novo prazo de presentación de ofertas para que as empresas locais interesadas en xestionar o servizo de aluguer de bicicletas Vai Bike poidan presentar as súas propostas. A medida adoptouse a petición dos propios interesados que alegaron que non lles dera tempo a reunir a documentación e avaliar as bases no prazo inicialmente previsto, que concluíu a semana pasada sen que se recibir formalmente ningunha proposta
A intención do goberno local é que Vilagarcía volva a contar cun servizo de aluguer de bicicletas, despois de que hai dous anos o VaiBike tivera que pecharse ao desaparecer a liña de subvencións do Inega que contribuía ao seu financiamento e ao non poder o Concello asumir o gasto tendo en conta a complicada situación económica das arcas municipais e ante a necesidade de priorizar os gastos.
Tendo en conta que a empresa a xestora do servizo de aluguer das bicicletas non contará con ningunha subvención nin achega municipal, o Concello decidiu dar todas as facilidades posibles aos interesados para que a prestación sexa asumible pola empresa sen ter que cargar todo o custe no usuario.
Para elo, ademais de poñer a disposición todo o equipamento necesario para desenvolver o servizo sen custe algún para a xestora, o Concello tamén inclúe como contraprestación a posibilidade de contratar publicidade, algo prohibido na anterior concesión.
Así, a adxudicataria disporá de xeito gratuíto de 116 bicicletas (83 listas para o seu uso, 26 a estrear sen sillín e 7 pendentes de reparar), ademais das cinco estacións de aparcamento, os cinco puntos de conexión para conecta vía ADSL co centro de control, a licenza de software que permite xestionar o servizo de préstamo, o lector de tarxetas de usuarios, un almacén e o local para oficina do servizo, sito no parque do Cavadelo.
A empresa poderá cobrar pola exhibición de publicidade nas bicicletas a efectos de obter ingresos que se complementarás coas tarifas dos usuarios. Estas deberán prever varios abonos: anual, mensual, quincenal, semanal e diario.
A maiores, e dentro das facilidades para a posta en marcha do servizo, o Concello asume a reposición das bicicletas que se vexan inutilizadas froito da utilización dos usuarios. O prazo de concesión será de catro anos, sen posibilidade de prórroga.
Entre as melloras que os licitadores poderán presentar, e que o xurado cualificador valorará, figuran a realización de actividades lúdicas ou deportivas relacionadas coa bicicleta e a ampliación do número de estacións do servizo.











