O Concello de Vigo rebaixará un 1,4% os impostos e conxelará en 2015 as taxas municipais
O Concello de Vigo aprobou en Xunta de Goberno local as ordenanzas fiscais para 2015, polas que conxelará taxas e prezos públicos, como a da auga, e rebaixará un 1,4 por cento os impostos de vehículos, lixo e bens inmobles (IBI).
Así o trasladou nunha rolda de prensa o alcalde da cidade, Abel Caballero, que comunicou que, como os prezos medraron un 0,4 por cento, “a redución real dos impostos” de vehículos, lixo e IBI é dun 1,8 por cento.
Ademais, indicou que se conxelarán as taxas e prezos públicos de expedición de documentos, cemiterio, laboratorio, desinfección, escolas infantís e municipais, axudas no fogar, música, teatro, danza, instituto municipal de deportes, zoo, licenzas de obra, ocupación de vía pública, imposto de actividades económicas, imposto de plusvalía, imposto de construcións, así como a taxa da auga, por terceiro ano consecutivo.
Igualmente, tamén se elevarán un 2,8 por cento os mínimos exentos a pagar nas taxas de recollida de lixos, expedición de documentos, laboratorio, desinfección, escolas infantís, escolas de ensinos especiais, instituto municipal de deportes e zoo.
No caso do IBI, tamén se elevarán os mínimos exentos nun 2,8 por cento e producirase unha bonificación do 50 por cento a familias numerosas que excedan da renda de 8.000 euros. Así mesmo, seguirá sendo posible fraccionar o pago deste imposto até en 10 prazos “sen recargas nin intereses”, aínda que, se se fai en dous prazos, haberá unha redución do 30 por cento.
“Somos a cidade que paga menos impostos per capita de España”, concluíu o alcalde, que engadiu que estas modificacións fiscais supoñen tamén “a redución máis importante que se fixo nunca na historia desta cidade”.
POTENCIAR O AUDITORIO
Noutra orde de asuntos, o rexedor vigués comunicou que o Consistorio tamén aprobou en Xunta de Goberno un convenio de colaboración cos xestores do auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo.
Este acordo, que contará cun orzamento de medio millón de euros, ten o obxectivo de “potenciar a oferta socio-cultural en Vigo”, para o que se subvencionarán 55 actividades para todo tipo de públicos, entre as que se inclúen espectáculos infantís, ópera, música, humor, danza, gastronomía e cine.











