O Concello de Santiago subliña a necesidade de reformar o plan especial tras a declaración da Unesco
O Concello de Santiago de Compostela agradeceu a declaración do “valor universal excepcional” da cidade vella de Santiago, pero subliñou a necesidade de facer unha reforma do plan especial de protección e rehabilitación da capital galega.
A declaración foi outorgada polo Comité de Patrimonio Mundial, que pertence á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco). Así, o alcalde, Agustín Hernández, considerou que é un “incentivo máis, que é benvido”.
Sobre o plan especial, o rexedor sinalou que dentro das determinacións que recolle a declaración aparece indicada a necesidade de facer unha reforma, cuestión na que, asegurou, “xa está a traballar o Partido Popular”.
Neste sentido, sinalou que despois de 20 anos de vixencia “hai que facer unha reflexión” sobre a súa actualización”. A revisión do plan pretende “facilitar e permitir” aos veciños que viven no casco histórico ter “menos dificultades” na súa actividade diaria. Así mesmo, recordou que debe permitir que os veciños que o consideren poidan facer cambios para “mellorar a súa condición de vida”.
DECLARACIÓN UNESCO
A declaración de “valor universal excepcional” da cidade vella de Santiago valora a conservación dun “valioso centro histórico” e incidiu no “notable estado de conservación”.
“Esta cidade é non soa unha cidade histórica harmoniosa e moi ben conservada senón tamén un lugar profundamente impregnado de fe”, remarcou o Comité de Patrimonio Mundial, que definiu a Catedral como unha “obra mestra da arquitectura románica” e a Praza do Obradoiro como “unha das zonas urbanas máis bonitas do mundo”.











