O Concello de Pontevedra reitera a atención inmediata aos afectados no rural polas obras do AVE e a auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O concelleiro Miguel Filgueira, delegado dunha parte do rural pontevedrés, saíu esta mañá ao paso das últimas críticas realizadas polo grupo municipal do Partido Popular ao respecto do suposto abandono de certos lugares do rural afectados polas obras do Tren do Eixo Atlántico ou das obras da rede de abastecemento de auga á ría.

Miguel Filgueira aclarou que os concelleiros do rural levan facendo un seguimento puntual e diario dos traballos que a administración central está a realizar nas distintas parroquias do rural. Recoñeceu que estes proxectos, indispensables para a comarca, e polo tanto tamén para Pontevedra, están a ocasionar problemas no rural que os concelleiros coñecen dende o primeiro momento e están a tratar de resolver mediando coa administración central e as empresas concesionarias das obras.

Son semanais e, nalgúns casos, até diarias as reunións que manteñen os concelleiros e os técnicos municipais con estas empresas para tratar de ir resolvendo as problemáticas que xurden a medida que van avanzando as obras. Moitos deles teñen solución inmediata, pero outros resólvense a medida que evoluciona a obra.

Miguel Filgueira explicou que se atenden todas as chamadas dos veciños, e visitan as zonas afectadas para ter coñecemento de primeira man. Polo tanto, non existe pasividade tal e como malinformou o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, senón todo o contrario.

29 de agosto de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.