O Concello de Ourense adxudica o servizo de comida no fogar que presta atención a máis de 150 persoas maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa xuntanza desta mañá adxudicar o servizo de comida no fogar, que presta atención na actualidade a máis de 150 persoas maiores residentes na cidade. O servizo, posto en marcha en 2009 polo goberno municipal, está financiado integramente polo Concello de Ourense, cunha achega de máis de  350.000 euros anuais.

A concesión vixente remataba este verán, polo que o Concello convocou un concurso para a súa adxudicación, por un prazo dun ano. Esta mañá, de acordo coas propostas da mesa de contratación e os informes dos servizos municipais, a Xunta de Goberno completou o expediente coa adxudicación á empresa Galicia Vella de Inversiones y Logística, que prestará o servizo por un importe de 5,98 euros por menú, cifra inferior ao orzamento de licitación do concurso, que era 6,24 euros por menú.

Este servizo, complementario do servizo de axuda no fogar, ten como finalidade promover, obter e restablecer a autonomía persoal ou familiar das persoas beneficiarias, co fin de facilitar a permanencia no seu contorno habitual, evitando situacións de desarraigo. Persoal cualificado suministra, diariamente, a comida no fogar a aquelas persoas, que pola súa especial situación, así o requiran.

Coma novidade, os pregos do concurso contemplan por primeira vez que ademáis dos beneficiarios e beneficiarias do servizo de Axuda no Fogar, podan acceder tamén “aqueles usuarios e usuarias mediante un informe técnico do traballador ou traballadora social correspondente, no que se fundamente a situación de necesidade dunha persoa ou familia, e que sexa este servizo o recurso idóneo para dar resposta a situación de necesidade que presentan.

O obxectivo principal do servizo é ofrecer un apoio individualizado que favoreza a autonomía daquelas persoas que se atopen en situación de desprotección ou vulnerabilidade social, coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida. Funciona todos os días do ano (incluídos domingos e festivos) e os menús, que se entregarán nos domicilios entre as 11.00h e as 14.00h serán supervisados semanalmente polos técnicos da Concellería de Benestar Social, e segundo as indicacións dun nutricionista e os informes do médico de familia de cada un dos beneficiarios e beneficiarias do servizo.

Representante do Concello na Fundación Galicia Obra Social

Tamén esta mañá, a Xunta de Goberno Local acordou designar a José Luis Jiménez Martínez, como representante do Concello de Ourense na Fundación Galicia Obra Social. O acordo adóptase en atención á solicitude realizada pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, recibida o día 19 de agosto no Rexistro do Concello, para designar un membro no novo Padroado da Fundación, que se vai constituír proximamente. O día 27 de xuño foron inscritos no rexistro de Fundación de Interese Galego os novos estatutos da Fundación Galicia Obra Social, herdeira da obra social das antigas caixas de aforros galegas, que quedou baixo o protectorado da Consellería de Facenda.

José Luis Jiménez Martínez (Logroño, La Rioja, 1957) é licenciado en Medicina pola Universidade de Zaragoza, especialista en Medicina Interna na residencia sanitaria de Ourense, e master en Alta Dirección Sanitaria, pola Universidade de Santiago de Compostela-FEGAS. Dende o mes de xuño é presidente do Colexio Médico de Ourense, entidade da que fora vicepresidente dende 2010. José Luis Jiménez foi presidente da Academia Médico Cirúrxica de Ourense entre 2002 e 2005 e xerente do Complexo Hospitalario de Ourense dende setembro de 2005 ata maio de 2009.

28 de agosto de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.