O Concello de Ortigueira impulsará a inmediata construción dun Punto Limpo no Polígono Industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O BOP da Coruña recolle na súa edición de hoxe o anuncio da aprobación definitiva do expediente de suplemento de crédito por importe superior aos 43.000 euros para facer fronte á achega municipal para a construción dun Punto Limpo no Polígono industrial de Cuiña. A infraestrutura, comprometida polo goberno de Rafael Girón para optimizar a xestión dos residuos especiais xerador por empresas e veciños, será subvencionada en máis dun 73% pola Consellería de Economía e Industria.

Despois de anos de xestións, o goberno local logrou o respaldo da Xunta de Galicia para a construción desta instalación ambiental. E fíxoo ao amparo da liña de axudas encamiñada á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia.

O departamento autonómico concedeu ao concello un total de 120.000 euros, contía equivalente ao 73’3% do orzamento total da obra, debendo o consistorio facer fronte á porcentaxe restante do investimento (43.605 euros). De aí a necesidade de ampliar o capítulo de investimentos reais do orzamento municipal, con cargo ao remanente líquido de Tesouraría.

O novo equipamento “verde” substituirá ao actual punto provisional de almacenamento de residuos especiais, que se habilitou no polígono tras a expropiación do punto limpo que existía en Penaoseira (Cuiña), afectado as obras da Variante de Ortigueira. De feito, construirase na mesma parcela, situada xusto á beira da Planta de transferencia de Sogama.

Deste xeito, tanto as empresas afincadas na área empresarial de Cuiña como a cidadanía volverán dispor na localidade dun “parque de colectores” en condicións para a recollida de residuos non asimilables ao lixo doméstico. Un equipamento que, desde o goberno local, se considera crucial na erradicación de focos de vertedura incontrolados.

O novo equipamento ambiental haberá de estar finalizado, tal e como se establece na concesión da axuda, a mediados do mes de novembro.

26 de agosto de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.