O Concello de Ferrol recibe 130.000 euros para actividades culturais e de promoción turística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

A Deputación da Coruña achega 130.000 euros ao Concello de Ferrol para diversas actividades de índole cultural e para a promoción turística da cidade. Así, o presidente provincial, Diego Calvo, vén de asinar un acordo co alcalde, José Manuel Rey, para renovar o convenio de apoio ao Plan de competitividade turística do ano 2014.

O ente provincial financia o plan formativo relacionado con este ámbito como son as xornadas e obradoiros específicos de turismo, así como eventos e feiras coma o Cataviño, Reti, Tapéate Ferrol, e outras accións encamiñadas á consolidación de Ferrol como destino turístico.

En total, a Deputación achegará 85.000 euros a este plan, o que supón o 80% do orzamento total, que ascende a 106.250 euros.

Concertos de Ainhoa Arteta, Juan Jesús Rodríguez e Borja Quiza

Pero ademais, a Deputación tamén colabora con actividades de tipo cultural como o programa Música da Ilustración 2014 ideado para difundir a música propia dunha época destacada para Ferrol.

Como parte desta iniciativa recóllense este ano tres concertos no Auditorio de Ferrol, recentemente inaugurado, o que tamén lle facilita á cidadanía coñecer este novo espazo. Neste ciclo participan voces tan destacadas como Ainhoa Arteta, Juan Jesús Rodríguez e Borja Quiza.

Cos 28.000 euros que achega o ente provincial abóanse os cachés, as viaxes e aloxamentos, traslados, cartelería e a organización. En total, o 72% do orzamento total de 38.990 euros.

Novos talentos musicais

Outro dos convenios acordados entre a Deputación e o Concello de Ferrol servirá para apoiar o XXVIII Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol.

Este certame, no que cada ano participan unhas 60 persoas de lugares tan dispares coma China, Corea, Rusia ou Alemania, celébrase no Teatro Jofre. O obxectivo da iniciativa é proporcionar aos novos pianistas unha oportunidade para abrirse camiño no panorama musical e atopar novos talentos.

Ademais, este concurso favorece o encontro entre os músicos con prestixiosos profesores, o que supón unha ocasión única para dar a coñecerse e impulsar a súa carreira.

A Deputación achega 17.000 euros para financiar o 24% dos 72.000 euros que custa o programa. Con esta partida asúmese parte do gasto en premios, honorarios do xurado, intérpretes e afiadores, iluminación e son, ademais da gravación, edición e material de difusión.

31 de agosto de 2014 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.