O Concello de Ferrol realizará obras de mellora e reparación nos tres mercados municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Mercados e Consumo, que dirixe José Polo Veiga, realizará obras de reparación e mellora nos mercados municipais de Recimil, Caranza e A Magdalena. O Concello de Ferrol acometerá a renovación da cuberta do Mercado de Recimil tras recibir unha subvención da Xunta de Galicia para a mellora de mercados municipais e prazas de abastos. Esta actuación ten un custe de 116.414,50 euros e a Administración autonómica asumirá o 75% da mesma.

O Concello de Ferrol tamén subsanará deficiencias nas instalacións do Mercado Municipal de Abastos de Caranza por un importe de preto de 50.000 euros. Estas obras de carácter urxente atópanse pendentes de adxudicación á espera do informe técnico e se centran na cuberta, o interior e os aseos. Máis concretamente, realizarase diferentes actuacións na cuberta do edificio como a limpeza xeral ou a reparación de filtracións de auga en distintas zonas da cuberta mediante a colocación de novas chapas de aceiro perfilado e galvanizado. Tamén se acometerá a fixación de elementos verticais, retirada de partes soltas e inutilizadas en canlóns e baixantes, e selado de arquetas da rede de evacuación de augas, pluviais así como a reposición puntual de canlóns e baixantes da fachada principal cara a Avenida Castelao.

Traballos hixiénico-sanitarios

En canto ao interior do Mercado de Caranza, a actuación incluirá a reparación de desconchados do pavimento nas zonas de paso entre os postos de alimentación e a reposición puntual de tuberías verticais metálicas. Así mesmo, realizarase unha limpeza hixiénica de paramentos verticais e horizontais interiores e ventiladores dos baños, e se dotará de xaboeiras e secadoiros de mans os aseos do mercado municipal de abastos.

Por último, a Administración ferrolá acometerá traballos de mellora no Mercado de A Magdalena. Esta intervención se centrará en traballos de reparación en aseos, portas e baixantes de augas pluviais.

28 de agosto de 2014 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.