O Concello de Ferrol realiza labores de conservación e mantemento no cuartel da Policía Local en San Xoán
O Goberno Municipal de Ferrol investiu preto de 50.000 euros en solucionar problemas de mantemento e conservación nas instalacións que a Policía Local ten en San Xoán. Os concelleiros de Servizos e de Recursos Humanos, Borja Carro Muñoz e Alejandro Langtry Caínzos, respectivamente, comprobaron hoxe o resultado das obras que dende o pasado mes de maio se levaron a cabo no cuartel policial e que consistiron, basicamente, na reparación e pintado de fachadas; así como a limpeza de cubertas dos edificios anexos ás oficinas centrais deste corpo local de seguridade.
Máis polo miudo, a actuación no cuartel da Policía Local consistiu na colocación de novos caneiros e baixantes; reparación de fendas e desconchados; impermeabilización de fachadas, aleiros e terraza; limpeza de cubertas, ventás, portas, lucernarios, claraboias, caneiros, baixantes, etc. Así mesmo, realizouse a revisión das proteccións de desaugadoiros, redes de evacuación de augas pluviais, así como das ancoraxes e cubertas. Ademais, os traballos inclúen o retellado en toda a cuberta de tella e reparación do illamento de tódalas ventás.
O titular de Servizos lamentou a falta de atención que as diferentes corporacións locais prestaron ao mantemento e conservacións deste e doutros inmobles municipais. Así, indicou que segundo lle informaron os propios axentes municipais o cuartel de San Xoán non se tiña pintado dende hai moitos anos. “O noso compromiso é ir solucionando problemas en instalacións municipais e que estas se atopen no mellor estado posible, para iso iremos actuando de maneira progresiva con actuacións realistas”, dixo o Carro Muñoz. Neste sentido, o concelleiro ferrolán anunciou novas obras de mantemento no parque municipal de Bombeiros: pintado interior e da fachada do parque, reparación de duchas e aseos ou a renovación das taquillas, entre outros traballos demandados polos propios bombeiros.
Pola súa banda, o edil de Recursos Humanos destacou que a necesidade dun mantemento periódico dos lugares de traballo é unha das peticións que se trasladan ás Mesas de Negociación e Seguimento do que forman parte responsables municipais e sindicatos. “Queremos eficiencia na prestación dos servizos e a que sexa así tamén contribúe que os lugares de traballo estean en condicións”, dixo Langtry Caínzos.











