O Concello de Ferrol incorpora residentes de enfermaría á area de benestar social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol reforzou este ano a Área de Benestar Social coa incorporación de profesionais de Enfermaría Comunitaria e Familiar da Área Sanitaria de Ferrol. A colaboración destes enfermeiros, todos eles residentes, é posible grazas ao convenio de cooperación asinado pola Administración municipal e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), un acordo pioneiro en Galicia que está a permitir mellorar a calidade dos servizos municipais en campos como os da atención a dependentes, prevención de consumo de drogas e mellora da calidade de vida dos nosos maiores.

A Comisión de Benestar, Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, abordou esta mañá o balance das actividades que residentes de segundo curso de Enfermaría realizan na Área de Benestar Social do Concello de Ferrol para completar a súa formación na especialidade familiar e comunitaria. Esta iniciativa forma parte do convenio de colaboración entre o Executivo local que preside Jose Manuel Rey Varela e o SERGAS, a través da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol, para a formación destes especialistas e ten unha duración de cinco anos.

O obxectivo desta proposta é facilitar aos profesionais residentes o contacto directo con persoas en situación de dependencia, maiores e colectivos en risco de exclusión social, cuxos dereitos son cubertos a través da Concellería de Benestar Social. Esta iniciativa pioneira en Galicia permite que os enfermeiros/as residentes participen no coidado da saúde das persoas, familias e comunidades, dunha forma continua e nos diferentes aspectos da promoción da saúde, prevención da enfermidade, recuperación e rehabilitación no seu contorno e contexto social.

Reforzo de programas municipais

Así, e segundo informou a titular de Benestar Social, os profesionais de enfermaría coñecen de primeira man o funcionamento e seguimento dos usuarios de programas municipais como “Xantando en Familia”, o proxecto de convivencia interxeracional entre estudantes universitarios e persoas maiores “Comparte” ou o obradoiro “Reverdecendo a Memoria III”. Os participantes nesta formación realizan visitas aos comedores sénior de Esteiro, San Pablo, Caranza e Río Xubia para a identificación de problemas de convivencia ou individuais que impidan unha adecuada integración e para acometer un tratamento preventivo nestas problemas.

Ademais, os enfermeiros/as tamén efectúan visitas de seguimento a domicilio para a valoración de novos usuarios do servizo de comedores sénior ou para a solicitude de axudas a dependencia. Outras das actividades formativas, son a realización dunha sesión sobre a figura da enfermaría comunitaria e recoñecemento de signos de emerxencia, ou o coñecemento de programas de prevención de consumo de drogas e absentismo escolar como o Cinensino.

14 de agosto de 2014 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.