O Concello de Ferrol convoca axudas para a compra dun ordenador personal
A Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, mantén aberto o prazo para beneficiarse do programa “Conecta Ferrol” de axudas para mercar un ordenador. A presentación de solicitudes -unha por unidade familiar- para esta achega municipal poderá realizarse no Rexistro Xeral ata o vindeiro 31 de outubro e a adquisición do ordenador deberá ser nunha tenda ou comercio de Ferrol ata o 30 de novembro.
“Conecta Ferrol” ten como obxectivo a compra dun ordenador (portátil ou de sobremesa) por parte dos mozos/as empadroados no termo municipal coa finalidade de facilitar, axudar e mellorar a súa formación durante a etapa escolar de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato. Un total de 50 mozos/as poderán ser beneficiarios desta achega municipal que establece unha contía de 200 euros por persoa para mercar un ordenador. Así, os estudantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
– Estar empadroado no Concello de Ferrol, cunha antigüidade mínima dun ano.
– Ter entre 12 e 18 anos de idades, cumpridos no momento de presentar a súa solicitude.
– Acreditar un nivel de ingresos económicos netos anuais da unidade familiar non superior a 2,5 veces o IPREM.











