O Concello da Laracha inicia a renovación de catro rúas do casco urbano
O Concello da Laracha iniciou hoxe os traballos de renovación do pavimento en catro rúas do casco urbano da capital municipal co obxectivo de mellorar as condicións da superficie de rodadura, facilitar o tránsito e, por tanto, reforzar a seguridade viaria tanto para os vehículos como para os peóns nestas céntricas zonas residenciais.
A primeira das actuacións afecta á rúa Silverio Moreda Albariño, na que as máquinas xa comezaron a traballar esta mañá nas labores de fresado da estrada para a posterior pavimentación con aglomerado asfáltico en quente coa correspondente sinalización horizontal. A rúa Silverio Moreda comunica a avenida de Caión coa estrada AC-552 e, por tanto, é unha das principais vías da vila. José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Jesús Souto, edil responsable da área de obras, reuníronse hoxe cos operarios no lugar das actuacións para coñecer persoalmente o desenvolvemento dos traballos.
A continuación, os próximos puntos nos que se acometerán unhas obras de similares características son a 1ª travesía Santa Lucía, a rúa Lugo e un tramo da rúa Rosalía de Castro.
Estas catro actuacións forman parte do Plan municipal de mantemento e conservación da rede viaria e serán financiadas con parte do remanente líquido de tesourería que deixou a liquidación do exercicio económico do curso pasado.
Se as condicións climatolóxicas así o permiten, as obras previstas remataranse ao longo da próxima semana.











