O Concello da Coruña potenciará a bicicleta como medio de transporte viable e seguro
A concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, informou esta mañá da firma de dous convenios de colaboración co Club Ciclista Riazor e con Mobi-liza que teñen por obxectivo desenvolver programas de formación e actividades de fomento do uso da bicicleta no ámbito urbano: “Tal e como recolle o PMUS, un dos compromisos deste Goberno local é devolver espazo nas nosas rúas á bicicleta, non só como un medio de lecer ou de práctica deportiva, senón como unha alternativa real de transporte”, asegurou e engadiu: “Temos claro que a bicicleta é unha alternativa viable para desprazarse pola cidade, debe ocupar o lugar que merece e estes dous convenios son unha primeira e gran pedalada para conseguir o noso obxectivo de multiplicar por 12 os desprazamentos diarios neste medio e pasar dos 2.000 actuais aos 25.000 en 10 anos”. A concelleira estivo acompañada por Fran García, de Mobi-liza e Roberto Rilo, presidente do Club Ciclista Riazor.
“De igual modo que fixemos coas campañas de mobilidade peonil, nas que colaboramos con Stop Accidentes, para potenciar o uso da bicicleta quixemos contar con estas dúas entidades coas que xa traballamos á hora da elaboración do PMUS. Creemos que, en temas de mobilidade, temos que contar coa participación dos colectivos implicados que poden axudarnos a enriquecer as nosas accións”, subliñou a concelleira.
Tal e como explicou Begoña Freire, trátase de dous convenios, por importe de 7.500 euros cada un, que comparten un mesmo obxectivo: fomentar, normalizar e impulsar o uso da bicicleta como alternativa viable e segura na cidade e apostar pola concienciación e sensibilización da sociedade en materia de mobilidade sustentable. Ambos os acordos comparten, tamén, a realización de actuacións formativas e informativas, a participación en accións que permitan establecer lazos de colaboración con asociacións de veciños e outras entidades en materia de seguridade viaria, e o apoio e desenvolvemento de actividades lúdico culturais.
En concreto, o asinado co Club Ciclista Riazor permitirá realizar a actividade Coñece a túa cidade en bicicleta, que consiste na organización de rutas en bicicleta pola cidade nas que poderá participar calquera persoa maior de 16 anos (en caso de menores deben ir acompañados). Estes percorridos contarán coa participación de monitores que, antes do inicio de cada unha, ofrecerán pequenas charlas con nocións básicas de ergonomía, mecánica básica, equipamento e uso seguro da bici na cidade e que acompañarán durante todo o percorrido aos participantes. A primeira delas será este mesmo sábado 30 de agosto ás 12.00 horas en Monte Alto e seguiranlle, até decembro, Cidade Escolar, Agra do Orzán, Os Castros, Elviña, Novo Mesoiro, A Palloza e Os Rosales. Os interesados poden inscribirse a través do mail eventospmuscoruna@gmail.com, ou nas webs www.ccriazor.com e www.coruna.es/pmus.
Por outra banda, o convenio con Mobi-liza materializarase na posta en marcha dunha Escola-Bici con cursos e charlas teórico prácticas. En concreto, serán cursos de 4 días e un total de 8 horas tanto para aprender a montar en bicicleta como para adquirir nocións de seguridade e circulación ou afianzar as habilidades básicas. Están pensados para todo tipo de idades a partir dos 4 anos. Os interesados poden inscribirse a través do mail eventospmuscoruna@gmail.com ou informarse na web www.coruna.es/pmus.
“O fomento do uso da bici é unha das apostas non só da Concellaría de Mobilidade senón deste Goberno local, xa que se traballa de forma transversal para potenciar o seu uso: integrándoa no interior urbano, ampliando a rede de aparcabicis e tamén a de Bici Coruña ou con medidas de acougado de tráfico por barrios para impulsar as plataformas compartidas”, subliñou Begoña Freire quen finalizou animando á poboación a que utilice máis a bicicleta e facendo un chamamento á concienciación de todos os veciños: “É fundamental que todos coñezamos as normas de circulación para que as respectemos e aprendamos a convivir en harmonía. Tanto os condutores de vehículos, como os peóns, como os usuarios da bicicleta”.











