O Concello da Coruña inviste 115.000 euros na contratación de seis técnicos que favorezan a creación de emprego
O Concello aprobou solicitar unha subvención á Consellería de Traballo e Benestar co obxectivo de prorrogar a contratación de seis axentes de emprego e desenvolvemento local durante un ano. Esta solicitude enmárcase na liña de axudas que a Xunta oferta aos municipios para establecer un instrumento que promova unha rede especializada na implantación de políticas activas de emprego e a xeración de postos de traballo na contorna local.
Na Xunta de Goberno celebrada esta semana acordouse solicitar unha subvención á Xunta que ascende a 59.838,70 euros, o que supón o 34,2% do custo total, pois o resto do financiamento (65,8%) correrá a cargo do Concello, con 115.029,56 euros. En total, entre ambas as administracións, o investimento alcanzará os 174.868,26 euros.
Esta medida para o fomento do emprego no ámbito municipal únese a outras accións desenvolvidas polo Concello e que teñen entre os seus principais obxectivos impulsar a formación e o desenvolvemento de iniciativas que favorezan a creación de emprego, como a Rede Coruña Emprega, os proxectos do Plan Urbana-C ou os programas de cooperación e orientación laboral. De acordo aos últimos datos, o paro baixou na cidade no mes de xullo por sexto mes consecutivo, con 2.559 parados menos que en xaneiro, o que representa un 10,78% menos. Así, na taxa interanual, o número de desempregados reduciuse en A Coruña nun 6,9%, nun total de 1.569 persoas. Ademais, no primeiro semestre de 2014, as afiliacións á Seguridade Social incrementáronse en 2.449.
CULTURA
A Xunta de Goberno tamén aprobou sacar a concurso, mediante procedemento aberto, a contratación dos servizos didácticos e de atención a visitantes dos Museos Científicos Coruñeses por un importe anual de 613.041 euros.
O contrato terá unha duración de tres anos, prorrogables por tres máis, e se subrogará ao persoal actual. A adxudicataria deberá cubrir os servizos de recepción, divulgación e atención das salas de exposicións; de realización de talleres e actividades; o servizo de xefes de sala; e de operador especialista de audiovisuais. No prego técnico establécese que o servizo de atención aos visitantes deberá estar sempre cuberto no horario de apertura dos Museos Científicos Coruñeses por, polo menos, o seguinte persoal:
– Casa das Ciencias: 1 persoa en recepción e 1 persoa nas salas.
– Domus: 1 persoa en recepción e 1 persoa nas salas.
– Aquarium Finisterrae: 1 persoa en recepción e 2 persoas nas salas.
A efectos indicativos, o prego técnico estima que esta presenza mínima supón 24.030 horas anuais. O resto das presenzas do persoal realizarase en función do número de grupos de visitantes, das actividades, dos eventos e outras accións que se desenvolvan nos Museos Científicos ou fóra dos mesmos cando sexan actividades dos propios museos. Neste caso, calcúlase que estas presenzas supoñen aproximadamente 6.923 horas ao ano.











