O Concello da Coruña comeza a instalación dun ascensor que mellorará a mobilidade entre Ramón Cabanillas e a avenida de Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado das concelleiras de Barrio, Susana Pazo e Carmen Hervada, visitou esta mañá a rúa Ramón Cabanillas con motivo do inicio das obras que permitirán conectar esta vía coa avenida de Arteixo a través dun ascensor. Esta iniciativa inclúese dentro do Plan de Accesibilidade impulsado polo actual equipo de goberno e no que o xurado do concurso de ideas -o Concello contou coa colaboración dos colexios de Arquitectos; Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; e Industriais- decidiu os proxectos gañadores para mellorar a mobilidade en cinco puntos singulares da Coruña: ademais de en Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo; en Marqués de Cerralbo; Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez; Mestre Cravei; e Capitán Troncoso con Xeneral Alesón.

O responsable municipal de Infraestruturas destacou que o novo proxecto, cun prazo de execución de 4 meses e un investimento final de 143.264 euros, permitirá conectar a través dun ascensor a rúa Ramón Cabanillas coa avenida de Arteixo, unha solución de mobilidade demandada polos veciños e que responde o compromiso do Goberno municipal de contar cunha cidade máis accesible e onde os peóns teñan cada vez máis protagonismo. O novo ascensor servirá de porta de entrada ao barrio de Os Mallos e favorecerá a conexión coa zona de Sagrada Familia. Optouse pola colocación dun ascensor porque é a mellor solución para mellorar a accesibilidade e, neste caso, ocupa menos espazo que unhas escaleiras mecánicas. Ademais, o futuro elevador será visible desde a avenida de Arteixo, o que tamén favorecerá a súa utilización.

As obras de instalación deste elevador que arrincan hoxe axústanse ao proxecto gañador do concurso de ideas, no que se propuña, ademais dunha solución ao problema de accesibilidade nesta zona, unha ordenación do espazo para eliminar obstáculos e potenciar a visibilidade das escaleiras. En concreto, segundo explicou Fernández Prado, trátase de colocar un elemento único, case escultural, para situar un ascensor e unhas escaleiras en espiral. Ademais, ensancharase a beirarrúa en Ramón Cabanillas para favorecer o tránsito peonil e, para garantir unha adecuada accesibilidade e seguridade de uso, delimítanse o espazo peonil e rodado elevando o pavimento á cota de beirarrúa existente.

Na avenida de Arteixo tamén se reformulan as cotas do pavimento para absorber o chanzo triangular de acceso ao baixo e minimizar a invasión da rampla da farmacia que se atopa na esquina oposta. Ademais, redebuxarase a liña de bordo e desprazarase a posición actual dos colectores á liña de aparcadoiro, pois no seu emprazamento actual provocan un estreitamento da beirarrúa, quedando reducida en case un metro de ancho. No caso de Ramón Cabanillas, aprovéitase un espazo baixo a escaleira para situar os colectores e reducir así o seu impacto visual sen dificultar a súa utilización.

Martín Fernández Prado explicou que, unha vez seexecute este proxecto de mellora da accesibilidade na contorna do mercado municipal de Ramón Cabanillas, desenvolverase nunha seguinte fase un segundo proxecto de urbanización da rúa Ramón Cabanillas e o seu cruzamento coa avenida de Arteixo.

OUTRAS ACTUACIÓNS

O Concello aprobou, o pasado mes de xullo en Xunta de Goberno, sacar a concurso a instalación dun ascensor que permite superar un desnivel de 10 metros de altura entre Capitán Troncoso e Xeral Alesón. Cun orzamento de 474.488 euros, o prazo de execución dos traballos, unha vez se adxudiquen, será dun máximo de 7 meses. A solución adoptada permitirá un acceso cómodo e directo para os peóns, que actualmente vense obrigados a ter que subir a escalinata de Porta de Aires para chegar desde Capitán Troncoso a Xeneral Alesón.

Dentro do Plan de Accesibilidade, o Concello tamén sacou a concurso en maio o proxecto de accesibilidade de Mestre Cravei por un importe final de 1,39 millóns de euros e un prazo de execución de 11 meses. Neste caso, a solución consiste na colocación de 5 tramos de escaleiras mecánicas que permitirá salvar un desnivel de 18 metros e eliminar os 99 chanzos de Mestre Cravei que unen Juan Flórez con Sinforiano López. No caso de Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez, o proxecto atópase en fase de redacción para a súa posterior licitación.

A maiores, en decembro do ano pasado xa se puxeron en marcha as primeiras escaleiras mecánicas nun espazo aberto na cidade: en concreto, na rúa Praza, nas inmediacións do mercado de San Agustín, cun investimento de 133.846 euros.

11 de agosto de 2014 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.