O Concello da Coruña autoriza o soterramento do transformador e da liña eléctrica de Palavea
O tenente de alcalde de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado dos concelleiros Francisco Mourelo e Mariel Padín, visitou o barrio de Palavea, onde as xestións realizadas polo Concello coruñés contribuiron a dar resposta a unha solicitude dos veciños: o soterramento do transformador eléctrico e da liña de media tensión.
A empresa Unión Fenosa investirá 50.000 euros na mellora da rede eléctrica en Palavea, tras conceder o Concello a autorización para executar as obras. En concreto, substituirase o transformador actual por outro baixo envolvente que reduce o impacto visual e atende a solicitude exposta polo Concello tras as peticións dos veciños do barrio. Ademais, desmontaranse 90 metros de liña de media tensión, que tamén se soterrarán, unha canalización que se repetirá coas liñas de baixa tensión que saian do novo centro de transformación.
Esta obra súmase ao proxecto de urbanización do Concello no barrio, onde investiu 217.229 euros para a rehabilitación e recuperación dos espazos públicos de Palavea. Entre os traballos incluídos nesta iniciativa municipal da área de Infraestruturas atópase o acondicionamento do aparcadoiro en superficie existente: pavimentación, pintado de prazas, instalación de iluminación pública e realización de novos itinerarios peonís accesibles.
No barrio de Palavea, o actual equipo de goberno tamén reformou o centro cívico, coa substitución da cuberta e o acondicionamento da parte interior do inmoble; unhas obras que supuxeron un investimento de 175.000 euros.











