O Concello da Coruña atendeu a 857 nenos durante 2013 a través do seu programa de conciliación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellaría de Servizos Sociais destacou o éxito do programa Concilia os teus tempos. No seu balance desta iniciativa que favorece a conciliación da vida familiar e laboral, ao longo do exercicio 2013 cubríronse as peticións de 620 familias, o que supón atender a un total de 857 nenos e nenas de entre 4 meses e 12 anos.

O Concello, a través do departamento de Servizos Sociais, destinou o ano pasado a este servizo 163.299,88 euros (o 67% do orzamento), que se suman aos 80.000 euros do convenio de colaboración asinado coa Deputación da Coruña. En total, o Goberno municipal investiu 243.299,88 euros.

O servizo de canguros municipais Concilia os teus tempos atendeu, ao longo de 2013, a 620 familias (un 32,2% máis que en 2010) e 857 menores (un incremento do 31,8%) nun total de 17.023 servizos (34,2% máis que en 2010) a través das súas diversas modalidades: en centros cívicos e espazos de atención á infancia (como o Centro de Información á Muller); na ludoteca de Novo Mesoiro; e a través do servizo a domicilio.

O principal obxectivo deste programa da área que dirixe o concelleiro Miguel Lorenzo é contribuír a conciliar a vida persoal, familiar e laboral, con especial atención ás mulleres, ofertando coidados básicos e atencións de carácter lúdico, social e educativo aos seus menores e potenciando o benestar das unidades familiares, presentado estes contidos como un recurso educativo, de socialización e creativo no tempo libre de nenos e nenas.

O programa diríxese a nenos de entre 4 meses e 12 anos, en función da modalidade do servizo (por exemplo, na atención a domicilio pódense apuntar familias con bebés da partir de 4 meses, mentres que nos espazos de atención infantil é a partir dos 4 anos).

No caso dos espazos de atención infantil, ao longo de 2013 ofreceuse este servizo de conciliación a 334 familias (das que o 94% solicitaron esta modalidade por motivos laborais), 464 nenos (un 2,4% máis que en 2012 e un 17,2% máis que en 2010) e 11.186 usos. Na modalidade de atención a domicilio, incrementáronse as unidades familiares nun 2,38% con respecto a 2012, até alcanzar as 172 familias en 2013, o que representa 242 menores (3,42% máis que o ano anterior) e 3.030 servizos (incremento do 8,5%). Neste caso, a maioría das peticións foron tamén por motivos de traballo (o 91,5%).

Na ludotecta de Novo Mesoiro, ao longo do ano pasado, a Concellaría de Servizos recibiu peticións de 114 familias (4,6% máis que en 2012) para atender a 151 nenos e nenas (11,3% máis), o que supón un total de 2.807 servizos. Neste caso, o principal motivo para solicitar este servizo foi para cubrir o espazo de lecer e tempo dos menores.

12 de agosto de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.